A Galiza, á cabeza do Estado no incremento do prezo do aluguer

Ourense é a quinta cidade do Estado co prezo máis baixo (Foto: Europa Press).
Lugo e Pontevedra son as cidades do Estado nas que máis sobe o custo medio mensual. Desde 2009 o aluguer medrou 87,3% no conxunto do país.

O prezo medio do aluguer principia o ano cunha considerábel repunta na Galiza. Así o evidencia o informe que vén de publicar o portal Pisos.com con base no seu estudo de mercado.

Segundo estes datos, en xaneiro de 2022 o custo medio foi de 5,52 euros por metro cadrado (euros/m2), o que supón un incremento de 1,69% en comparanza co mesmo mes de 2021. Con todo, a galega segue a ser a quinta renda de aluguer máis baixa, nunha clasificación que lidera Madrid (12,23 euros/m2) e fecha Castela e León (4,56 euros/m2).

A rexistrada na Galiza a comezos de ano é a quinta maior suba a nivel estatal, só por detrás de Catalunya (+11,86%), Balears (+7,86%), Castela-A Mancha (+5,28%) e Aragón (+2,08%). No extremo oposto fican A Rioxa (-12,9%), Cantabria (-12,39%) e Asturies (-11,44%).

No conxunto do Estado, a repunta en xaneiro de 2022 foi de 2,57%, deixando un prezo medio mensual de 10,07 euros/m2.

Pontevedra lidera a repunta

A circunscrición de Pontevedra é a que máis sobe en termos de variación interanual en todo o Estado (+17,12%), seguida de Cádiz (+13,55%). Pola contra, Ourense rexistra o maior descenso (-18,01%).

No que atinxe ás capitais de cada circunscrición, as cidades de Lugo (+19,58%) e Pontevedra (+17,55%) lideran o incremento en 2022, mentres a segunda e terceira que máis baixan, após Soria (-7,98%) son A Coruña (-7,45%) e Ourense (-7,16%), respectivamente.

Así as cousas, a cidade de Ourense é a quinta do Estado co prezo medio do aluguer máis baixo (6,02 euros/m2).

Unha década de incrementos

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o prezo medio da vivenda en aluguer subiu 87,3% entre 2009 e 2020, ficando neste último ano dispoñíbel na serie histórica en 344,9 euros mensuais.