A Galiza, punto de partida e destino de futuros docentes "transformadores" da escola rural

Isabel Mociño, segunda pola dereita, canda o alumnado seleccionado e docentes de Educación. (Foto: UVigo)
Tres estudantes galegas participarán na terceira edición do programa Xeración Docentes.

O programa Xeración Docentes da Fundación Princesa de Girona vén de escoller tres estudantes da facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo en Ourense. Son parte dos 30 alumnos e alumnas do Estado que a primavera que vén terán a oportunidade de realizar as súas prácticas nunha escola rural de referencia en Estremadura, Aragón e Galiza para se converter en "docentes transformadores" con capacidade para  traballar de forma colaborativa e xerar solucións aos grandes retos educativos.

Aprendizaxe transversal

"Nos últimos anos estamos a observar que é nas escolas do rural onde máis se está a innovar e a traballar de forma multidisciplinar, xa que gozan dunhas condicións que favorecen ese tipo de perspectiva metodolóxica innovadora", afirma a Nós Diario Isabel Mociño, profesora e mentora das alumnas seleccionadas pendentes aínda de elixir o seu destino en Aragón ou Estremadura.

 "O programa parte de tres territorios con risco de despoboamento onde as escolas rurais son un elemento de vertebración e cohesión social a coidar moito, dado como están a responder ás necesidades da sociedade actual".

O potencial existe, recalca Mociño. "Na Galiza temos uns recursos que outros nos están dicindo que son excelentes, pero que aquí ignoramos cando non imos en contra deles". Así, a profesora da UVigo chama ás institucións galegas implicadas na educación a reflexionar sobre a capacidade do rural. "O feito de traballar nunha aula multigrao, onde conviven nenos e nenas de distintas idades, exixe unha metodoloxía activa para podelos atender a todos".

Ademais,  a aprendizaxe é máis transversal, o alumnado aprende dos seus iguais e dos maiores como modelo, a conexión coa contorna é máis inmediata "e como tes un grupo pequeno que podes levar contigo, teñen ocasión de vivir experencialmente o que están aprendendo".

Potencial transformador

Nas aulas do rural o alumando é protagonista da súa aprendizaxe e cada vez máis é a primeira parada profesional para moitas docentes que inician a súa carreira. "As docentes viven esa forma activa de ensinar de modo directo e moi en conexión coas propias familias", polo que a formación de futuros mestres e mestras neste contexto permitirá que tamén sexan "transformadoras" cando vaian a outros centros non rurais, "conscientes de que as aprendizaxes son moito máis significativas".

O alumando seleccionado por Xeración Docentes, augura Mociño, vivirá non só unhas un prácticas máis longas senón tamén máis enriquecedoras. "Terá ocasión de comparar dous contextos educativos diferentes, o da Galiza e o que cheguen a coñecer en Aragón ou Estremadura, pero tamén a oportunidade de ser parte dunha comunidade de aprendizaxe que porá en común a experiencia de todas as participantes".

Algunhas virán á Galiza co obxectivo común de pensar na educación do futuro, de facer da súa estadía "unha auténtica renovación da escola transferíbel a calquera centro de ensino".