Galiza e o pulo mobilizador: 20.000 manifestacións nos anos da crise

Control policial

Entre 2008 e 2015 houbo no noso país unha media de perto de sete manifestacións diarias.

A crise tivo resposta na Galiza e non foi unha resposta pequena. Entre 2008, ano no que a gran recesión comezou a asomar a gadoupa, e 2015, último ano contabilizado, no noso país rexistráronse un total de 20.230 manifestacións, segundo os datos do Anuario do Ministerio do Interior español. Isto representa unha media dunha manifestación cada tres horas e media, ratio que non acadan gran parte dos territorios do Estado español.

O 2013 foi o ano no que houbo máis manifestación no noso país. Convocáronse 4.670, cifra á que hai que engadir as 239 que foron prohibidas. O relevo tomoullo o exercicio 2014, no que se rexistraron 3.777 mobilizacións nas rúas do noso país. Ademais, 68 manifestacións foron declaradas prohibidas.

O ano pasado, 2015, foron 3.524 as manifestacións que contabiliza o Ministerio do Interior en Galiza. En 2012 foron 2.213 e en 2001, un total de 1.500. Nos primeiros anos da crise, 2008, 2009 e 2009, o Anuario do departamento español recolle que tiveron lugar 1.631, 1.145 e 1.463 mobilizacións respectivamente.

Identificacións

O Anuario estatístico publicado polo Ministerio do Interior cifra en 208.675 persoas as identificacións practicadas polo Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil no marco da Lei Orgánica 4/2015 para a Protección da Seguridade Cidadá en 2015.

A cifra aumenta até 421.315 se sumamos as identificacións levadas a cabo tamén no marco da Lei Orgánica 1/1992. No concreto, refírese a aquelas reguladas no artigo 16 "en cumprimento das súas funcións de indagación e prevención delitiva para a sanción de infraccións penais e administrativas" polo que se autoriza "os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade" a "requerir a identificación das persoas" cando "existan indicios de que puideron participar na comisión dunha infracción" ou "en atención ás circunstancias concorrentes" consideren "razoabelmente necesario" requerir a documentación "para previr a comisión dun delito".