Máis de 500.000 toneladas de residuos industriais acaban ao ano en vertedeiros da Galiza

Residuos para incinerar en Sogama (Foto: Europa Press)
A Galiza produce 2,8 millóns de toneladas de residuos industriais ao ano, 7% deles son perigosos e 18% do total (máis de 500.000 toneladas) non se valorizan e elimínanse mediante o seu almacenamento en vertedoiros legais, segundo os últimos datos da Xunta.

Até 2,8 millóns de toneladas de residuos industriais ao ano produce a Galiza. Deles, 7% son perigosos e 18%, é dicir, máis de 500.000 toneladas, non se valorizan, isto é, elimínanse mediante o seu almacenamento en vertedoiros legais, segundo os últimos datos consolidados de que dispón a Xunta, correspondentes ao ano 2018. 

A porcentaxe de residuos non perigosos alcanza 93% (2.600.713 toneladas), fronte aos perigosos, que son 7% (201.787 toneladas), segundo recolle o informe de seguimento do plan de xestión de residuos industriais da Galiza 2016-2022.

O informe analiza o período 2014-2018 e marca que en 2016 foi cando se alzanzou o nivel máximo de produción, con 3.061.306 toneladas, 8,5% de xeración de residuos industriais que en 2018.

Do total de residuos xestionados no país (2.875.868 toneladas, contando tanto os que se producen na Galiza como os que proceden doutras zonas pero son tratados en territorio galego), o documento reivindica que "se logrou alcanzar en 2018 unha porcentaxe de xestión de valorización de residuos industriais de 82% (2.367.272  toneladas) fronte ao 18% (508.596 toneladas) da xestión por eliminación".

Isto quere dicir que 82% dos residuos industriais que xerou ese ano Galiza foron valorizados, o cal quere dicir que se incineraron ou se reciclaron, reutilizaron... 18% restante foron a vertedoiros. Dos residuos non perigosos 78% foron valorizados, fronte a 15% que foron a vertedorios. Mentres que no caso dos residuos perigosos, 52% (50.780 toneladas) foron destinados á valorización fronte a 45%, que acabaron en vertedoiros en 2018.

O informe da Consellaría de Medio Ambiente valora isto como un "logro" dos programas específicos de xestión que inciden na preparación para a reutilización, a reciclaxe e a valorización material, e cualifícano de "dato moi positivo desde o punto de vista da economía circular".

Os residuos de construción e demolición son a tipoloxía de residuos maioritaria en canto a volume de produción, seguido dos derivados de procesos térmicos. Os de construción destinados á preparación para a reutilización, reciclaxe e outras operacións de valorización representan máis de 80%, fronte ao 0,5% destinado ao vertedoiro.