Galiza ultima a proba da PassCOVID, unha app que facilitará o rastrexo de casos

A descarga da aplicación móbil será voluntaria e garantirá o anonimato das persoas usuarias (Europa Press).
A Xunta deseñou unha aplicación móbil que se poderá descargar de forma voluntaria para facilitar os labores de rastrexo de contactos de casos positivos de Covid-19 e a comunicación co Sistema Público de Saúde. O sistema iniciará en breve a fase de probas e podería implantarse á volta do verán.

Galiza iniciará nas próximas datas as primeiras probas dunha aplicación móbil que permitirá identificar o nivel de risco transmisor do novo coronavirus de cada persoa usuaria e facilitar a identificación dos seus contactos estreitos, que ante unha PCR positiva, recibirán unha alerta no seu dispositivo móbil.

PassCOVID, que así se chama a ferramenta deseñada polo Goberno galego como instrumento de apoio na xestión da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, é un sistema de información que busca estabelecerse tamén como canle de comunicación directa entre o Sistema Público de Saúde da Galiza e as persoas que, de forma voluntaria, decidan descargar a aplicación. 

Ademais de facilitar os labores de rastrexo de contactos de casos positivos por coronavirus, tamén achegará información de interese para as usuarias.

Desta forma, ademais de facilitar os labores de rastrexo de contactos de casos positivos por coronavirus, tamén achegará información de interese para as usuarias; consellos prácticos, recomendacións e recursos relacionados coa saúde, co confinamento ou con posíbeis restricións de mobilidade distadas polas autoridades no marco de novos protocolos de actuación.

Segundo recolle o proxecto de  orde que regula PassCOVID, cuxa publicación porá en marcha unha experiencia piloto,  quen decida instalar a app disporá de dúas modalidades de identificación. Ben poderán rexistrarse de forma verificada, a través do sistema de claves concertadas da Xunta da Galiza, Chave365, ben de forma anónima. No primeiro caso, a persoa usuaria terá acceso a todas as funcionalidades da PassCOVID, mentres que no segundo a aplicación tan só lle proporcionará información xeral e consellos sobre a situación da pandemia.

Experiencia piloto

A Xunta ultima os detalles do proxecto que regulará a PassCOVID e permitirá o inicio dunha fase de probas cun grupo pechado de persoas que a Administración galega espera reslver canto antes co fin de analizar os resultados, trasladarllos ao Goberno do Estado e resolver a súa integración dentro do sistema público de saúde a partir do mes de setembro.

Neste sentido, o presidente da Xunta en funciones avanzou durante a presentación desta iniciativa que esta nova aplicación podería contar con  funcionalidades engadidas en futuras versións, como complemento da aplicación RadarCOVID desenvolvida polo Goberno estatal, dispoñíbel xa para a súa descarga á espera de que os diferentes territorios poidan incorporala aos seus sistemas de saúde e a sacar proveito do seu funcionamento

RadarCOVID

Esta app fai uso da tecnoloxía Bluetooth dos móbiles para avisar as usuarias se estiveron perto dunha persoa contaxiada nos catorce días anteriores a un novo diagnóstico, sen necesidade de rexistrar os seus datos persoais. Neste caso conta a información que van gardando os móbiles daqueles cos que se van comunicando e cos que estiveron en contacto polo menos 15 minutos. En caso de que se confirme un positivo e se introduza na aplicación, os contactos recibirán un aviso que garante o anonimato tanto da persoa infectada como dos seus posíbeis contaxios.

Así, na Galiza, ademais de estudar a coordinación con este sistema de rastrexo, a Xunta avanzou que está traballando para que as usuarias da PassCOVID poidan rexistrar aí os estabelecementos de hostalaría que visitaron co fin de alertalos en caso de que se detectar algún positivo ou contaxio nun local.