Sanidade prepara novas restricións coa mirada posta na hostalaría ante o avance de récord da terceira vaga

Unha terraza en Compostela nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina).
Feixoo comparecerá ao mediodía para anunciar as medidas, que poderían imitar as xa adoptadas en Viveiro, Arteixo e Viveiro

Coa pandemia en cifras máximas en contaxios e casos activos e en camiño de superar o teito de hospitalizados ao que se chegou na primavera, a Xunta prepara novas restricións para tratar de atallar o avanzo dunha terceira onda da que a Consellería de Sanidade aínda non divisa no horizonte que chegase ao seu pico.

Será o propio presidente do Goberno galego, Núñez Feixoo, quen anuncie as medias acordadas nunha rolda de prensa convocada para o mediodía de hoxe, após a reunión do comité de expertos que asesora á Xunta na xestión da pandemia.

O peche da hostalaría e as reunións de non convivientes, as medidas máis importantes que serviron para facer fronte da segunda onda vivida durante o outono e que se retomaron esta semana para Viveiro, Arteixo e Xinzo, estarán no foco nun novo comité clínico.

Nunha entrevista nas últimas horas, o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, daba por feito que se acadaría o máximo de pacientes ingresados Covid-19 na primeira vaga vivida durante a primavera, na que se chegou a 946 hospitalizados e 178 pacientes en UCI.

Con este panorama, a Consellería de Sanidade podería estender a toda Galiza as restricións que desde hai uns días imperan en Arteixo, Xinzo e Viveiro, todos eles municipios en nivel extremo após alcanzar unha incidencia de máis de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, unha taxa á que se achegan o sete grandes cidades galegas.

Con todo, o titular de Sanidade, que non quixo avanzar ningunha das medidas a tomar hoxe durante unha entrevista na Radio Galega nas últimas horas, incidiu en que as medidas non se adoptarán tomando como referencia o ámbito urbano e o rural, senón que a transmisión comunitaria do virus que existe ns Galiza e o seu impacto sobre os hospitais fai necesario unha concepción "transversal" á hora de tomar medidas que poñan freo á terceira onda dunha pandemia que se cobrou xa a vida de máis de 1.600 persoas.

O conselleiro avanzou na entrevista no Galicia por Diante Fin de Semana algunhas das medidas que estarán sobre a mesa do comité clínico de expertos. Entre elas, a posibilidade dun feche xeneralizado da hostalaría. García Comesaña cre que nestes momentos "a filosofía ten que ser, nun dunha visión local de concello ou de comarca, senón de área sanitaria".