Galiza precisa máis familias de acollida para crianzas tuteladas: hai 745 aínda en centros de menores

Máis de 700 crianzas viven en centros de menores á espera dun acollemento. (Foto: Nós Diario)
A 31 de decembro de 2022 o sistema de protección de infancia da Galiza contaba con 1.767 crianzas e adolescentes ao seu coidado, 1.022 cunha familia de acollida e 745 en centros de menores. Son datos do Ministerio de Asuntos Sociais a partir das cifras facilitadas polo Goberno galego, que hai un ano mantiña 80 nenos e nenas menores de 6 anos en acollemento residencial en contra do que estabelece a lei.

A denuncia parte da Asociación Estatal de Acollemento Familiar e da galega Acougo, que urxe a saída en acollida da cativada miúda. "Os centros de protección non poden estar para que as crianzas medren e permanezan alí toda a súa infancia. É importante que saian en acollemento familiar, e así o di a lei. Durante os primeiros anos é cando nos conformamos como persoas, é cando os nenos e nenas precisan un apego seguro, seguro e estábel", salienta a Nós Diario a presidenta de Acougo, Carmen Dourado.

O sistema de protección de infancia está deseñado para dar resposta aos nenos e nenas que por diversas circunstancias non poden vivir coas súas familias. "Cando non poden permanecer nas súas casas o sistema público faise cargo desas crianzas, ben obtendo a súa garda, sen retirar a tutela aos pais, ben obtendo a súa tutela legal".

Das medidas que estabelece o sistema de protección, o acollemento familiar "é a primeira e a máis importante", afirma Dourado. É a mediada que mellor garante os dereitos das crianzas que fican baixo o amparo da Administración, precisa. "A adopción é a alternativa que todo o mundo coñece, ten a súa razón de ser, pero tal e como funciona hoxe o sistema de adopción consideramos que é unha medida que está sobrevalorada, e temos serias dúbidas de que sexa a que mellores solucións dá ás crianzas do sistema de protección".

Dereitos das crianzas

Segundo explica Carmen Dourado, a adopción supón unha ruptura total coas raíces da crianza e implica unha filiación completa por parte de quen vai adoptar, "mais que a Xunta da Galiza teña que facerse coa garda ou tutela dun neno ou nena non significa que esta non teña dereito ás súas orixes, ao contacto coa súa familia extensa".

A adopción, subliña, é unha medida do sistema de protección, "non unha forma de ser pai ou nai". Dourado critica a concepción "patriarcal, paternalista e adultocentrista" que se ten na Galiza da adopción, ligada a unha "idea de propiedade". Pero por riba das necesidades ou desexos das persoas adultas están as das crianzas, que non sempre interesan nin se teñen en conta, advirte a presidenta de Acougo.

Cultura do acollemento

Desde esta asociación promoven a cultura do acollemento. "Este é o gran cambio que se ten que dar a nivel social. Hai que dar a coñecer a acollida e diferenciala da adopción. Cando acollemos, as crianzas non son da nosa propiedade, pero estamos o tempo que faga falta, a sabendas de que a temporalidade virá dada ben polas súas necesidades ben, pola maioría de idade".

O acollemento familiar pode ser de urxencia, temporal ou permanente e pódese dar no seo da familia extensa, con vínculo de sangue, ou dunha familia allea. "A min gústame dicir que somos familias de protección". Cada unha, conta Carmen Dourado, ofrécese para un tipo de acollemento concreto, "pero sempre abertas ao que poida pasar coa crianza que temos na casa. Se as súas circunstancias cambian e con elas as súas necesidades, nós estamos aí". Tamén para dar o salto de acolledoras a adoptantes.

Non é algo que estea prohibido por lei, asegura Dourado, pero é unha práctica que a Administración desbota habitualmente para darlle prioridade a outras familias que desexan adoptar. "Ten que mudar a interpretación da lei e mesmo mudar a norma para que as familias de acollida sexan as primeiras ás que se lles pregunte se queren asumir esa adopción, e non por elas, senón polas crianzas, pola súa estabilidade emocional, polo vínculo creado". "Hai que cambiar a visión do sistema para evitar que os nenos e nenas baixo protección anden transitando polas familias en vez de ser as familias as que transiten polas crianzas".

Desinstitucionalización

A presidenta de Acougo defende o que se coñece como planificación concorrente –concurrent planning–, unha alternativa que busca mellorar o sistema de protección, ofrecendo solucións familiares, estábeis e consensuadas, "con familias formadas e acompañadas para o acollemento e para a adopción".

Dourado reclama prevención, apoio e acompañamento profesional, coa contribución de todas as administracións, desde os concellos ao Estado, pasando pola Xunta, que ten as competencias". A todas exixe maior sensibilización e difusión do acollemento familiar, unha experiencia "fermosa e complicada". "Decidir sobre as familias e os seus fillos e fillas non é doado, pero é importante rachar coa institucionalización dos menores. A maioría das persoas adultas ás que lles son retiradas as crianzas pasaron a súa infancia en centros. Imos pola terceira xeración e urxe rachar ese círculo".

E por que non saen en acollida os menores tutelados de 6 anos? "A primeira razón que dá a Xunta é que non hai familias de acollida. E é verdade, non somos moitas". Neste momento en toda Galiza hai unhas 300, unhas en activo e outras á espera dun acollemento, unha cifra que marca un mínimo histórico, asegura Carme Dourado. "Precisamos boas familias acolledoras para evitar que as crianzas fiquen nos centros", conclúe, nomeadamente esas máis cativas, cuxa desinstitucionalización Galiza se comprometeu a executar de aquí a 2026.