Sermos Galiza 225

Galiza, unha potencia en verduras de mar

O noso país é potencia a nivel peninsular en algas debido ás condicións en que nacen e se desenvolven estas verduras do mar, cada vez máis demandadas pola súa riqueza nutricional. Porén, os seus usos van alén do alimentario. No Sermos 225, á venda xa na loxa, publicamos unha ampla reportaxe arredor das algas na Galiza. Deixamos aquí un extracto.

Se len palabras como wakame, nori ou dulse seguramente pensen en comida asiática, mais así é como se coñecen as algas que viven nos fondos mariños da Galiza. “Exóticas non son. Máis do país que elas non hai”, salienta Clemente Fernández , impulsor da empresa pioneira na recolección, secado e preparación de algas para usos alimentarios no Estado español, Algamar. “As algas estaban antes que todos e todas nós, antes tamén dos peixes. Foron as primeiras na cadea evolutiva e despois chegou o demais, así que se buscamos un alimento do país, aí están elas”, engade, en declaracións a Sermos Galiza.

Son máis de 600 as especies de algas, moitas delas microscópicas, que viven baixo o mar galego. Os seus usos transcenden o ámbito alimentario e abranguen desde o termalismo e a cosmética até a industria farmacéutica, e mesmo a agricultura e a gandaría. Tradicionalmente, recoñeceuse o seu uso na forraxe para os animais e como esterco e corrector do pH da terra. Existen antecedentes do uso de algas no campo da veterinaria, así como na dermatoloxía e, máis recentemente, na cosmética e na thalassoterapia. Aliás, se hai un uso que destaca pola súa frecuencia ese é o de xelificante, espesante e estabilizante. De feito, a empresa líder mundial na produción de carraxenina a partir das algas, Ceamsa, conta co seu centro de operacións no Porriño, que tamén produce o alxinato. Estas denominacións pode que non lles digan nada, mais si os E-407, E-404, E-402, E-403 ou E-405, aditivos que se empregan principalmente na industria alimentaria, amais de na farmacéutica e na cosmética.

 

[A reportaxe íntegra está publicada no Sermos Galiza 225, á venda na nosa loxa]