Galiza e Portugal colaborarán fronte á Covid-19

Intercambiarán información sobre a evolución da situación epidemiolóxica.

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mantivo esta sexta feira  unha xuntanza por videoconferencia co Secretario de Estado da Saúde do Ministerio de Saúde de Portugal, António Sales.

O obxectivo desta xuntanza foi o de establecer unha colaboración para intercambiar información sobre a evolución da situación epidemiolóxica por mor da Covid-19, tanto en Galiza como en Portugal.

Deste modo, Galiza facilitará datos correspondentes as súas áreas sanitarias, mentras que Portugal fará o propio coa información das súas rexións.

Este intercambio de información enmárcase no espíritu de colaboración entre ambos dous países e que cobra agora unha especial relevancia por mor da loita contra a pandemia mundial da covid-19. 

Dada a estreita relación entre ambos territorios e o continuo tránsito de viaxeiros a un lado e outro da fronteira, o coñecemento mútuo das respectivas situacións epidemiolóxicas será unha ferramenta mais para adoptar con maior rapidez as medidas sanitarias máis axeitadas para combater a pandemia.