Galiza pola República súmase aos actos contra a presenza de Filipe VI na UDC

Rolda de prensa esta quinta feira na Coruña.

Insta o xefe do Estado a que condene dos “crimes da ditadura franquista”.

A concentración da vindeira segunda feira, 30 de setembro, contra a presenza de Filipe VI na inauguración do curso universitario na Universidade da Coruña, convocada por Vía Galega baixo o lema Galiza non ten rei avante a República Galega, suma apoios. A plataforma Galiza pola República e polo dereito a decidir anuncia unha concentración a esa mesma hora e no mesmo lugar, fronte ao reitorado da UDC.

Piden a eliminación de todos os títulos nobiliarios, nomeadamente os que “honran e distinguen” “golpistas e franquistas”. Demandan unha condena por parte de Filipe VI dos crimes do franquismo e, aliás, defenden un referendo para elixir entre monarquía ou república.