Galiza pola Paz chama á mobilización contra a "axenda belicista" do Estado español
A plataforma critica que os fondos públicos se destinen a armamento en vez de a servizos sociais e advirte da "deriva militarista" da política estatal e europea.
A Plataforma Galiza pola Paz vén de denunciar publicamente o novo incremento no gasto militar aprobado polo Goberno español, que cualifican de "escandaloso". A través dun comunicado, a entidade expresa a súa “firme oposición” aos máis de 10.470 millóns de euros engadidos ao orzamento do Ministerio de Defensa, que elevarán os recursos destinados á esfera militar até os 33.000 millóns.
Desde a plataforma aseguran que esta decisión, tomada "catro anos antes do exixido pola OTAN", non garante unha maior seguridade, senón que representa "unha cesión aos intereses do complexo militar-industrial" e da Alianza Atlántica. Ao seu ver, este aumento supón un “desvío de recursos” que deberían ser empregados para reforzar os servizos públicos e desenvolver políticas sociais.
A organización considera que o Goberno español leva meses "predispondo á opinión pública" para aceptar esta decisión, a través de discursos alarmistas e da promoción dunha "axenda belicista" que cualifican de “submisa aos intereses dos Estados Unidos”. A plataforma lembra experiencias pasadas, como as políticas de José María Aznar, cuxas consecuencias prácticas “foron nefastas”.
Segundo Galiza pola Paz, este incremento insírese nun contexto máis amplo de “rearme xeneralizado” da Unión Europea, impulsado pola OTAN, que está a consolidar “unha economía de guerra permanente” en detrimento das clases populares. A organización denuncia a “militarización acelerada da vida” sen debate público nin control democrático.
A plataforma tamén critica con dureza a recente compra —xa revogada— de 15 millóns de balas a empresas israelís por parte do Ministerio do Interior, cualificándoa como “un acto de complicidade criminal nun contexto de xenocidio en curso”. Para Galiza pola Paz, este feito demostra “a sangrante contradición entre o que o Estado español di e o que fai”.
No comunicado tamén se critica ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, polo seu anuncio de destinar fondos públicos a investimentos relacionados coa defensa. Unha decisión que a plataforma considera “inxustificábel” e que se suma á “obsesión militarista” do Executivo estatal, malia que o Executivo galego non ten competencias nesta materia.
“Reiteramos o noso rexeitamento ao uso do territorio galego, das súas instalacións e recursos, para fins militares, adestramentos ou como apoio á industria da guerra”, afirman. Tamén lembran que o pobo galego ten amosado “historicamente a súa repulsa ao militarismo e ao imperialismo”.
Galiza pola Paz insiste en que a escalada militar evidencia “as consecuencias da nosa falta de soberanía nacional” e chama á mobilización social para defender “un camiño de paz, cooperación entre os pobos e respecto á soberanía das nacións”.
A plataforma finaliza a súa declaración cun chamamento claro: "a paralización inmediata do aumento do gasto militar, a saída do Estado español da OTAN, a mobilización contra a guerra e o negocio da morte, e o dereito da Galiza a decidir libremente o seu papel no mundo".