Todo o territorio galego pasa á fase 2

O uso da máscara segue sendo obrigatorio na fase 2, cando non se poidan respectar os dous metros de distancia (Imaxe; Arxina)
A partir da segunda feira. 25 de maio, a Galiza estará na fase 2 do desconfinamento e, con ela, regresarán actividades que desde marzo non se podían realizar e desaparecen as franxas horarias. A mobilidade continúa limitada á provincia

G aliza estará desde a segunda feira na fase 2 do desconfinamento, continuando así o camiño cara á "nova normalidade". A decisión anunciouna na sexta feira, 22 de maio, o Goberno estatal, logo de levarmos case dúas semanas na etapa inicial. O avanzo de fases vai por provincias, xa que son as unidades territoriais que o Executivo tomou como marco para deseñar o desconfinamento, pese a que tales lindes fosen rexeitados pola Xunta da Galiza e por forzas políticas como o BNG. Tampouco se aceptaron na Moncloa as súas peticións para permitir a mobilidade entre todo o territorio galego que se atopase na mesma fase. 

Así, e tal e como remarcou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, todas as novas actividades que se poderán realizar desde a segunda feira irán acompañadas do mantemento da restrición de movemento entre provincias, salvo para os casos xa contemplados na anterior etapa: desprazamentos por razón de traballo e motivos de forza maior. 

De seguido expoñemos as actividades que se poderán realizar desde pasado mañá co cambio de fase así como as principais mudanzas que alteran as condicións dalgunhas outras que xa viñamos realizando nos últimos días.   
 

  • Franxas horarias: as persoas con menos de 70 anos poderán pasear e facer deporte ao ar libre a calquera hora. Caen así as franxas que restrinxían os tempos para dar paseos e practicar deporte na rúa. Manteranse, iso si, dúas franxas para persoas maiores e vulnerábeis: de 10 a 12 horas e de 19 a 20. Con todo, estes horarios poden ser modificados, sen incrementar o seu tempo total, polos concellos e Gobernos autónomos co obxectivo de adaptalos ás características climatolóxicas de cada zona. 
     
  • Xuntanzas: se na fase inicial o tope de persoas coas que poder reunirse en grupo nunha casa ou na mesa dun bar estaba nunha decena, agora o límite será de 15. 
     
  • Residencias: o Goberno estatal deixa na man das comunidades autónomas permitir as visitas a familiares en residencias de maiores e de dependencia, sempre que estes centros non teñan usuarias con coronavirus ou en corentena. Será con cita, só poderá ir unha visitante por usuaria e levará posto material de protección. Nos centros de maiores as visitas realizaranse por supostos excepcionais, como a fin da vida ou o alivio de presión neurocognitiva da residente. 
     
  • Tendas: Os estabelecementos ampliarán a súa capacidade, pasando de 30 a 40%. Se a tenda tiver máis dun andar, esa porcentaxe respectarase en cada piso. Desaparece así o requirimento de que o local teña non máis de 400 metros cadrados para abrir as portas. Marcarase un horario de atención prioritario para maiores de 65 anos. 
     
  • Centros comerciais: volven abrir as grandes superficies. Iso si, cada local do seu interior ha de limitar a capacidade a 40% e fica prohibido permanecer nas zonas comúns.
     
  • Restauración: poderase voltar a consumir no interior de estabelecementos, sempre que se estea sentando e atendan en mesa. Preferibelmente, o consumo dentro do bar debe ser con reserva previa. Haberá que agardar, previsibelmente á seguinte fase, en principio dentro de quince días, para voltar a tomar algo na barra dun bar. As discotecas e os locais de ocio nocturno seguen baixo cadeado. As terrazas mantéñense coa capacidade de 50% e garantindo a distancia. Ç
     
  • Teletraballo: a recomendación continúa a ser a de fomentar o teletraballo mentres dure o desconfinamento. En caso de non ser posíbel, o centro de emprego ten que estar dotado de medidas de hixiene e tense que garantir a distancia de seguridade entre o persoal no espazo laboral e nas zonas comúns. De isto non ser posíbel, disporase de equipos de protección para previr o contaxio. Fichar co polgar fica prohibido, a non ser que se desinfecte o sistema despois de cada uso. Ademais, as empresas deberán adaptar horarios para evitar aglomeracións nas entradas e saídas. 
     
  • Praias: mantendo un "uso responsábel" e a distancia física, a partir da segunda feira permitiranse os baños e tomar o sol. Iso si, hai que respectar a franxa das persoas maiores para o paseo pola area. Até o de agora só se podía acceder á praia para pasear e tan só as deportistas podían nadar. Permitirase estar en grupos de até 15 persoas.
     
  • Piscinas: tamén poden abrir as piscinas recreativas, tanto ao ar libre como en lugares fechados. Non poderán superar 30% da súa capacidade, sempre que esta porcentaxe permita cumprir coa distancia de seguridade. O acceso será con cita previa. A limpeza será de tres veces ao día e non se poderán usar as duchas dos vestiarios. 
     
  • Cultura e lecer: cines, teatros e espazos similares han de ter "butaca preasignada" e non superar un terzo da súa capacidade. Outros recintos fechados que non teñan butacas non poden superar nin 30% da capacidade nin 50 persoas no seu interior. Ao ar libre os eventos poderán xuntar até un máximo de 400 persoas sempre que sexa con cadeira, estean sentadas e se garde a distancia. As bibliotecas poderán abrir para as consultas en sala e para utilizar as computadoras, mais nunca poderán superar un terzo da capacidade. Tamén os museos teñen este límite de afluencia. 
     
  • Vodas: coa nova fase pódense celebrar cerimonias de casamento en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, sempre que non superen 50% da súa capacidade. Poden asistir un máximo de 100 persoas en espazos abertos ou 50 en lugares fechados.
     
  • Congresos: palestras e conferencias poden volver realizarse, sempre que o espazo onde se desenvolvan non supere 30% da súa capacidade nin congregue máis de 50 persoas. 
     
  • Enterros: o número de asistentes aos velorios tamén aumenta coa fase 2. Até 25 persoas poderán asistir a estes actos se son ao ar libre e 15 de se faceren en sitios fechados. A participación na comitiva para o enterro ou despedida para cremación dunha persoa falecida ficará, desde a segunda feira, restrinxida a un máximo de 25 persoas.
     
  • Culto: permitirase a asistencia a lugares de culto sempre que non se supere 50% da súa capacidade. Deberanse cumprir as medidas xerais de seguridade e hixiene estabelecidas polas autoridades sanitarias.
     
  • Educación: nesta fase poden abrir os centros educativos para crianzas desde os 0 aos 6 anos. As e os proxenitores deberán certificar a imposibilidade de teletraballaren. Moitos Gobernos autonómicos xa anunciaron que non abrirán estas escolas ao recoñecer a dificultade de manter entre as crianzas as medidas de seguranza. Na sexta feira, 22 de maio, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou que entre a segunda e a terza feira próximas se coñecerá a decisión do Goberno galego a este respecto se ben é certo,  o presidente que recoñeceu que a Sociedade Estatal de Pediatría non recomenda a apertura destes centros. Ademais, o Executivo estatal preveu que o alumnado de 4º de ESO, 2º de Bacharelato, 2º de Formación Profesional e de grao medio e superior poidan na fase 2 regresar á clase "con carácter voluntario". Feixoo defendeu a decisión tomada pola Xunta en relación a abrir os centros educativos nos niveis de 2º de Bacharelato e de FP. 
     
  • Deporte: permítense o adestramento básico en ligas non profesionais federadas, o adestramento total en ligas profesionais e a reapertura de campionatos profesionais que se disputen a porta fechada ou, en todo caso,  limitación da capacidade do espazo. Os espectáculos e actividades deportivas ao ar libre serán tamén con topes de afluencia.
     
  • Turismo: os hoteis, que xa na fase inicial puideron abrir as súas habitacións, terán a posibilidade desde a segunda feira de abrir tamén as zonas comúns, sempre que non se supere un terzo da capacidade e se respecte a distancia física de dous metros. Tamén poden abrir as súas piscinas. A pesar desta flexibilización nos estabelecementos, non se pode ir a un hotel doutra provincia.