80.000 mozas e mozos menores de 29 anos emigraron desde a chegada de Feixoo á Xunta

Galiza perdeu máis de 100.000 empregos xuvenís desde 2009

A emigración converteuse na última década na única saída laboral para unha parte da mocidade galega.(Foto:Nós Diario).

Os diversos indicadores económicos alíñanse para apuntar á mocidade como a gran derrotada da última década, até o punto de que entre 2009 e 2021 a poboación ocupada de 16 a 29 anos ten diminuído en 108.200 persoas. Ao tempo, 73.512 galegas e galegos nese grupo de idade teñen abandonado Galiza.

A poboación ocupada de entre 16 e 29 anos diminuíu en 108.200 persoas desde 2009 a 2021. Se en 2009, cando Alberto Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta, a Galiza contaba con 211.600 persoas empregadas nese grupo de idade, á volta de decembro de 2021 o país non superaba as 103.400, desaparecendo 53,9% dos postos de traballo no grupo de 16 a 24 anos e 46,8% no sector de 25 a 29. Así, se a mocidade representaba en 2009 20,4% da poboación ocupada, en 2021 representaba 11,3%,  caendo a taxa de actividade xuvenil en 10,5 puntos. Pola contra, o grupo de 30 a 64 anos recuperaba en 2018 a taxa de emprego existente en 2008 e en 2021 conseguía incrementalo.

A destrución de emprego xuvenil é anterior a pandemia. O Informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza, presentado a 27 de maio de 2021 polo Consello Económico Social (CES) analizou o peor comportamento do emprego na mocidade durante a Grande Recesión. Así, recolle que “mentres o número de persoas asalariadas de 30 ou máis anos apenas variou de 2008 a 2011 e de feito incrementouse en 0,4%, neste curto período prescindiuse de 1 de cada 3 persoas traballadoras asalariadas de 16 a 29 anos. Xa en 2019, con relación a 2008, o emprego asalariado de máis idade aumentou 7,9% mentres que o máis novo caeu 51,6% para o colectivo de 16 a 24 anos e o 45,3% para o de 25 a 29 anos”.

Os resultados de ocupación do ano 2020 e dos dous primeiros trimestres de 2021 volveron pór de manifesto que a mocidade foi o colectivo máis vulnerábel na crise, derivado da situación sanitaria.O propio CES sinalou que “a utilización do instrumento dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) agrandou a fenda xa existente entre as persoas ocupadas máis novas con respecto ás de maior idade, ao non alcanzar todos os colectivos de igual modo”. Ao tempo, destacou que “a porcentaxe de ocupados e ocupadas que traballaron ou menos horas das habituais ou ningunha representaba ao redor de 34% das persoas traballadoras de 16 a 29 anos, cando no grupo de 30 a 64 anos alcanzaba 25%”.

O fracaso das políticas públicas do Goberno galego dirixidas á mocidade foi certificado por diferentes organismos públicos. Así, por exemplo, o CES analizou que “os datos mostrados anteriormente mostran o pouco éxito de calquera iniciativa de política activa destinada á empregabilidade dos mozos e mozas" e advertiu que “esta causando un notábel envellecemento do cadro de persoal". Así, atendendo ao cadro de persoal, o informe do CES amosa que en 2008 había unha media de 3 persoas asalariadas con menos de 30 anos por cada 10 de entre 16 e 64 anos, mais en 2019 esta media pasou a ser de 1,3.

A temporalidade e a parcialidade foron as causas do peor comportamento do emprego entre a mocidade. Así, o colectivo sufriu en 2021 as taxas máis altas de parcialidade, estando 19% do total de persoas ocupadas menores de 35 anos contratadas a tempo parcial, fronte a 13,3% do conxunto de idades, o que supuxo 5,7 puntos de diferenza.

Ao tempo, 48,2% das persoas asalariadas menores de 35 anos tiveron un contrato temporal, cando no total poboación ocupada esta porcentaxe foi de 22%. Ademais, as  persoas menores de 25 anos percibiron de media anual un salario de 12.417,98 euros, o que representou unha fenda salarial de 48,27%.

A saída da emigración

A destrución do emprego xuvenil veu acompañado dun notábel incremento da emigración cara a outras parte do Estado e de Europa. Malia que no último ano con datos, 2020, asistiuse a unha baixada nos ritmos emigratorios, o Instituto Galego de Estatística (IGE) rexistrou que 21.001 persoas deixaron a Galiza en 2020, desprazándose 14.862 delas a diversos puntos do Estado español. Madrid, con 3.130 galegos; Catalunya, con 1.878 e Andalucía, con 1.708, encabezaron a lista de territorios receptores, ficando este ano fóra do podio as Canarias, moi golpeada economicamente pola pandemia.Por outra parte, 6.139 galegas e galegos puxeron rumbo a outras partes do mundo, estabelecéndose na súa práctica totalidade nos destinos tradicionais da emigración galega en Europa.

Un total de 319.727 persoas abandonaron a Galiza na última década. Os datos recollidos no histórico do IGE rexistraron 209.567 emigrantes entre os anos 2010 e 2020 ao Estado español e 110.160 a outros Estados do continente europeo, incidindo, especialmente, nos grupos de poboación de menor idade, até o punto de que, nese período, marcharon máis de 80.000 mozas e mozos de entre 16 e 29 anos.

Os datos do emprego xuvenil

A mocidade concentra as máis altas porcentaxes de desemprego na Galiza. A 31 de decembro de 2021, 56,9% da poboación menor de 20 anos atopábase parada, chegando a 81,6% no caso das mulleres. Ao tempo, 35,6% dos menores de 25 anos estaban desempregados, alcanzando 38,7% no caso das mozas.