Galiza perdeu 95.000 habitantes desde o ano 2009

demografía

Galiza é un dos nove territorios do Estado que perderon poboación desde 2009. A proxección para a vindeira década é igual de desacougadora: o número de habitantes baixará aos 2.620.000 habitantes, 80.000 menos que agora. 

Os datos do padrón continuo publicados polo Instituto Galego de Estatística revelan que o país perdeu case 95.000 habitantes desde 2009, convertendo desde xeito Galiza nunha das nove Comunidades Autónomas que viu minguada a súa poboación nos últimos nove anos, en concreto até o 1 de xaneiro de  2018, que son os últimos datos con carácter definitivo.

En concreto, a demografía caeu un 3,4%, pasando dos 2.796.089 en 2009 (o ano seguinte foi o último no que medrou a respecto do exercicio anterior) aos 2.701.743 que recolle o IGE na súa publicación do pasado mes de xaneiro. Só Castela e León, cunha perda do 6%, e Asturias, cun negativo de 5,3%, presentan un balanzo peor en termos relativos. A outra Castela, con 2,6%; Aragón, co 2,8%, Valencia, tamén co 2,6%, Extremadura, co 2,7%; Cantabria (-1,5%) e A Rioxa (-1,9%) son as outras CCAA que rexistran un decrecemento demográfico. O resto gañaron poboación no periodo analizado. En termos porcentuais destacan os incrementos das cidades autónomas de Ceuta (+8,2%) e Melilla, cun 17,5%. 

Estas cifras súmanse ás proxeccións elaboradas polo organismo estatístico para o país. A medio prazo, en concreto na vindeira década, calcúlase que Galiza perderá outros 80.000 habitantes, até os 2.620.000.