Galiza perderá 899 médicos de Familia até o ano 2026

43,8% dos médicos de Primaria superan 60 anos. (Foto:Europa Press)

A oferta de Médicos Residentes Ausentes (MIR) resulta insuficiente para cubrir as 1.533 baixas por xubilación que se producirán nestes anos. Os rexistros  do país son os peores de  todo o Estado español.

1.533 profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria xubiláronse até 2026. Segundo as últimas previsións achegadas polo Ministerio de Sanidade, con data 30 de xuño de 2021, Galiza conta con 4.501 especilistas de Medicina Familiar e Comunitaria, 2.501 dos cales desenvolven a súa actividade en Atención Primaria e os restantes noutros niveis sanitarios, superando 1.533 deles 60 anos. Neste sentido, as autoridades estatais prevén que este grupo de idade estea xubilado na súa práctica totalidade á volta  de 2026.

O Ministerio de Sanidade asume que a oferta de prazas MIR na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria para o ese período é insuficiente para cubrir as xubilacións. Neste dirección, afirman que até 2026 formaranse na Galiza 707 novos profesionais, porén prevén que no mellor dos casos só 634 deles apostaran por ocupar unha praza no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

899 prazas que ficaran libres por xubilación até 2026 non serán cubertas. Así as cousas, 58,6% das vacantes xeradas desde 2021 non contarán con relevo, incrementando a falla de persoal no sistema sanitario galego. Tanto é así, que o Ministerio de Sanidade afirma que Galiza liderará o déficit de especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria do conxunto do Estado, moi por ribada doutros territorios. Sen ir máis lonxe, no mesmo período, o número destes profesionais reducirase en Madrid en 9,4% porén en Catalunya incrementarase  en 20,5%.

As limitacións á oferta de prazas MIR impostas polo Goberno do Estado en base a taxa de reposición aprobada polo Executivo de Raxoi, seguindo as orientacións da Comisión Europea, vese agravadas no caso galego pola decisión da Xunta de ofertar un número de prazas inferior ao autorizado desde o Executivo estatal. Neste sentido, en 2021 a oferta MIR na Galiza ficou en 142 prazas, 96 menos que o total de facultativos xubilados nesa anualidade no sistema sanitario galego.

Vacantes

A ausencia de persoal facultativo agudízase pola non cobertura de determinadas prazas unha vez rematado o proceso formativo. Sen ir máis lonxe, en 2022 ficaron sen cubrir 6,33% das prazas ofertadas para Atención Primaria en toda Galiza, na súa totalidade localizadas na área sanitaria de Lugo-Monforte-A Mariña. Outro tanto aconteceu en Atención Especializada, onde quedaron valeiras dúas prazas en Medicina do Traballo e Preventiva.

O voceiro de Sos Sanidade, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que “estas cifras reflexan unha realidade preocupante xa que en cinco ou seis anos o número de médicos de Atención Primaria poden ficar na metade, se non hai melloras nas condicións de contratación e non se incrementan o número de prazas MIR. A este respecto, lembra que “un médico de familia tarda catro anos en formarse como MIR e seis anos en formarse como médico”.