Galiza perderá 57.000 crianzas de menos de dez anos de aquí a 2030

Unhas crianzas miran a decoración de Nadal. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)

Un estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE) revela que a evolución da natalidade vai ir á baixa. Ao contrario da crenza popular, nos próximos quince anos nacerán máis nenos que nenas, sobre todo nas comarcas urbanas.

O saldo demográfico negativo na Galiza non é só cousa do pasado nin agora culpa do coronavirus. A evolución prevista polas expertas de cara aos próximos 15 anos indica que a natalidade vai seguir baixando. Un estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE) debullado por Nós Diario indica que de aquí a dez anos haberá máis de 57.000 crianzas de menos de dez anos menos que agora.

Na actualidade, segundo o informe feito público estes días, hai no país 91.783 nenas e nenos de cero a catro anos e 108.200 con idades comprendidas entre os cinco e os nove anos. É dicir, 199.983 cidadáns teñen menos de dez anos.

Malia que nalgúns círculos se fala dun posíbel incremento da natalidade polo efecto da corentena, a realidade é que dentro de cinco anos a cifra quedará en 166.635 crianzas e, xa en 2030, a diminución abeirará o 30% con respecto ao número de referencia.

De aquí a dez anos Galiza contará con algo máis de 57.000 crianzas menores de dez anos menos que agora. Haberá nenas e nenos pero esta situación probabelmente leve ao feche de escolas e a algúns cambios sociais.

De feito, avanzando outros cinco anos a cifra aínda baixa máis. Até as e os 137.998 habitantes neste rango de idades. No entanto, nestes quince anos notarase máis a rebaixa no grupo de persoas entre cinco e nove anos.

En canto aos lugares máis afectados, as cifras máis elevadas, tanto ao falar de nacementos actuais como de perda de peso de cara ao futuro son as comarcas da Coruña e de Vigo. Por exemplo, o IGE fornece na actualidade a cifra de 16.657 cidadás de cero a catro anos na área coruñesa e en Vigo serían 15.550.

En 2035 no primeiro entorno a estatística apunta a 14.491 crianzas e no caso do segundo estímase en 11.406.

Tres zonas á cola

Porén, non serán as zonas peor paradas deste Estudo de proxección da poboación a curto prazo. As bisbarras que quedarán máis atrás son as rurais, con especial incidencia do problema nos municipios integrados nas comarcas de O Carballiño-O Ribeiro, Lugo Oriental e Ourense central.

Isto implica que, salvo un cambio nas políticas públicas que leve á mocidade a lugares menos urbanos e permita fixar poboación alí, o rural seguirá perdendo poboación a pasos axigantados.