Galiza perderá 300.000 habitantes até 2035

Construcións nun núcleo rural abandonado perto do Cebreiro. (Foto: GalicianCountryHomes)

A sangría demográfica non dá tregua á Galiza. As proxeccións de poboación fornecidas polos organismos públicos adiantan unha importante caída de residentes na próxima década. Neste sentido, o Goberno Galego dá por feito que o país perderá arredor de 300.000 habitantes durante os próximos trece anos.

As proxeccións demográficas non dan pé ao optimismo. A última delas, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) referente ao terceiro trimestre de 2020, estimaba que a Galiza seguiría perdendo poboación a curto e medio prazo, mentres o Estado español e a Unión Europea presentarían taxas de crecemento positivas. A este respecto, persoas especialistas consultadas por Nós Diario significan a credibilidade destes traballos, destacando o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rubén Lois, que “estes estudos do INE salientan pola súa fiabilidade e rigor técnico”.

Caída poboacional de 12,6%

A Galiza perderá arredor de 300.000 habitantes até 2035. Segundo recoñece o propio Goberno galego no seu Plan estratéxico da Galiza 2022-2030, elaborado pola Consellaría de Facenda e Administración Pública e recentemente remitido ao Parlamento, “para 2035, prevese que a poboación da Galiza diminuirá de 2,6 millóns a perto de 2,3 millóns de habitantes”. Neste sentido, asúmese unha caída de 12,6 % en relación cos residentes da actualidade, como consecuencia dun ciclo histórico que arranca das grandes mudanzas demográficas producidas a raíz das emigracións masivas das décadas dos 60 e 70 , agudizado polos efectos na economía galega da integración na UE.

A emigración explica a realidade demográfica da Galiza. Rubén Lois sitúa “a causa do problema demográfico actual nas emigracións masivas das décadas dos sesenta e setenta que non teñen efectos inmediatos e no afundimento do vello complexo agrario”. Na mesma dirección, o profesor da Universidade de Compostela, Isidro Dubert, afirma que a emigración xuvenil “constitúe unha notábel perda demográfica para un país no que as actuais xeracións de xente nova son moi pequenas a causa do impacto combinado das emigracións pasadas, do remate da transición demográfica e da modernización social acaecida tras 1975”.

Un total de 371.637 persoas abandonaron Galiza desde 2009. As cifras recollidas no histórico do INE rexistraron, entre 2009 e 2021, 243.971 emigrantes galegas e galegos ao Estado español e 121.623 a outras partes mundo. Unha mostra do alcance do fenómeno é que o continxente humano que marchou da Galiza neste período, supera os residentes de cada unha das sete cidades galegas, a poboación total da provincia de Lugo, con 327.847 habitantes en 2020, ou de Ourense, con 306.802 persoas nesa anualidade. Asemade, 38% dos emigrantes son menores de 29 anos.

As proxeccións recollidas no Plan estratéxico da Galiza 2022-2030 descontan un intenso envellecemento da poboación e sitúan a idade media das galegas e  galegos en 2030 en 50,4 anos, tres máis que na actualidade. A este respecto, sinala que “por grupos de idade, tanto na Galiza como en España, diminuirán os colectivos de poboación de menores de 15 anos e de 25 a 44 anos; na Galiza cómpre destacar a diminución nese período de 10 anos de 25,7% de poboación con idades comprendidas entre 25 e 44 anos, mentres que no total da UE-27 [a dos 27 Estados membro da UE], esta diminución estará próxima a 8%”. Na mesma dirección dise que “na Galiza espérase un incremento no colectivo de persoas de 85 ou máis anos de 11,5%" nunha década.

A tendencia á concentración da poboación nos aneis metropolitanos da área atlántica e o despoboamento das áreas rurais vaise agudizar. Neste sentido, a Xunta  “prevé que todos os tipos de áreas experimenten un descenso poboacional, prevese que as cidades, vilas e suburbios aumenten a súa cota de poboación para 2035, até 39% no caso das cidades e 26% no caso das cidades e dos suburbios. Pola súa parte, prevese que as zonas rurais con menor poboación diminuirán a razón de -1,1 % anual (ou una caída da poboación duns 139.000 habitantes), reducindo a súa cota de poboación até  20%”. Na mesma orientación, entenden que “o descenso da poboación esperado está ligado a maiores taxas de mortalidade previstas”.

A pirámide demográfica de 2030

A foto final recollida no Plan estratéxico da Galiza 2022-2030 retrata un panorama pouco esperanzador. Así, significa “como resume da evolución da poboación galega nos vindeiros anos, a representación da pirámide de poboación proxectada para o ano 2030 na Galiza presenta as seguintes características: acumula efectivos pola parte superior, ten unha base estreita, composta por menos de 67.000 menores de cinco anos, e as xeracións máis numerosas continuarán a ser as das persoas que naceron na época do babyboom, que empezarán a chegar á idade de xubilación”.

Un século de declive en peso poboacional

Se á volta de 1920 a Galiza sumaba 2,3 millóns de habitantes e representaba 11% da poboación do Estado, transcorridos 100 anos non chega a 2,7 millóns e supón 5,78%. Mentres nese período o Estado aumentou en 248% a poboación, a Galiza reduciu á metade a súa posición relativa no conxunto estatal.