Demografía

Galiza perderá 178. 257 habitantes nos próximos 15 anos

Persoas paseando por Compostela (Imaxe: Arxina).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) volve traer malas noticias. Segundo a súa última proxección demográfica, publicada hoxe, Galiza perdería 178.527 residentes nos vindeiros 15 anos. Así, nas súas previsións para o período 2020-2035, a poboación galega reduciríase en 6,6%, pasando de 2.702.244 habitantes na actualidade a 2.523.398 de 2035.

As tradicionais proxeccións demográficas do INE son moi consideradas no ámbito científico e académico, sinalando a Nós Diario o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rubén Lois que “estes estudos do INE destacan pola súa fiabilidade e rigor técnico”.

O INE pon o foco do seu estudo no saldo vexetativo negativo previsto para os próximos exercicios. Nesta liña, considera que os falecementos superarían os nacementos ao longo de todo o período, destacando que o saldo sería negativo en 18.856 persoas en 2024, en 20.053 en 2029 e en 20.324 en 2034.

Pola súa banda, adianta uns resultados migratorios positivos para a mesma etapa, se ben certifica que a vaga migratoria que afecta os segmentos de idade máis novos seguiría contando con gran pulo. Precisamente, unha boa parte dos expertos responsabilizan a emigración da caída da poboación galega, até o punto de que na última década 326.824 persoas abandonan Galiza, 28.853 en 2019.

O INE rectifica á baixa neste último estudo os datos da súa proxección anterior. Así, no seu anterior traballo, publicado en 2018, apuntaba que Galiza perdería entre 2018-2033 138.799 persoas, isto é o 5,3 % da súa poboación, e ficaría en 2.564.491 residentes.

Atendendo a este informe, o saldo vexetativo, diferenza entre o número nacementos e mortes, tamén sería negativo até sumar 98,9 falecidos máis que nacementos por cada 1.000 habitantes. A nova proxección presentada onte sinala unha caída da poboación de arredor de 40.000 residentes máis en relación coa anterior previsión.

Os datos da Galiza contrastan cos do Estado español. Segundo o INE, a poboación española aumentaría nese mesmo período en 954.497 habitantes, superando 48.284.000 á volta de 2035 e achegándose a 50.600.000 en 2070.

Madrid sería o territorio onde máis se incrementaría o número de residentes, pasando de 6.747.425 da actualidade a 7.361.414 en 2035, representando unha alza de 9,1%. O INE tamén prevé importantes crecementos nas Illes Balears e Canarias, con subas de 14,9% e 8,4%.