Galiza perde poboación malia unha lixeira alza dos nacementos 

O número de habitantes descendeu en 8.365 persoas durante o primeiro semestre do ano polo aumento dos falecementos e a continuidade da emigración, segundo os datos publicados polo INE.


A caída de poboación continúa en Galiza. Durante o primeiro semestre de 2015, o país perdeu 8.365 habitantes malia rexistrarse unha lixeira alza dos nacementos. O aumento das defuncións e da emigración son as principais causas desta baixada, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Galiza foi a quinta comunidade con menor crecemento relativo de poboación entre xaneiro e xullo deste ano. O saldo vexetativo continúa a ser negativo pese a que, por primeira vez desde 2012, o número de nacementos marcou unha progresión positiva. Con respecto ao mesmo período do curso anterior, a perda demográfica mantense nunha preocupante tendencia.

Os datos do INE sobre emigración mostran un saldo negativo de 1.101 persoas, entre retornados e emigrados con destino a outra comunidade, cifras similares ás do primeiro semestre de 2014, mentres que 4.582 residentes emigraron ao estranxeiro nos seis primeiros meses de ano.

A poboación total galega sitúase en 2.726.291 persoas. De continuar nesa liña, o país podería perder un 36,5% das e dos seus habitantes no ano 2051, segundo as previsións do Instituto Galego de Estadística.

Máis nacementos pero máis defuncións

Nos seis primeiros meses de 2015, naceron en Galiza 9.726 nenos e nenas, un 1,5% máis que o pasado ano. Unha lixeira suba que é a segundo máis alta de todo o Estado. Porén, o número de falecementos incrementou nese período un 8,1% -pasou de 15.590 a 16.856 -deixando un saldo vexetativo negativo de 7.130 habitantes, superior aos 6.007 casos rexistrados en 2014.