É Galiza un bo país para vivir? O Índice de Calidade de Vida sitúaa á cola do Estado

Unha praia de Marín. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Dos nove parámetros analizados polo INE en 2022, Galiza sae perdendo en todos agás en dous: Seguridade física e persoal e Educación.

A calidade de vida diminuíu no conxunto do Estado español en 2022. Máis concretamente, segundo os últimos datos publicados esta terza feira polo INE, o Indicador Multidimensional de Calidade de Vida (IMCV) situouse en 101,44 puntos, fronte aos 101,64 do ano anterior no marco desta estatística experimental.

Gobernanza e dereitos básicos, Experiencia de vida xeral, Lecer e relacións sociais, Seguridade física e persoal e Medio ambiente e medio ambiente empeoraron a súa puntuación con respecto a 2021. E, mentres Nafarroa, A Rioxa e Aragón presentaron os maiores niveis de calidade de vida en 2022, igual que na pasada edición, Galiza fica nos postos de cola.

Os rexistros máis baixos déronse, por esta orde —desde a peor valorada—, en Ceuta, Canarias, Andalucía, Melilla e Galiza. O noso país obtén 99,68 puntos no índice global desta estatística, é dicir, case dous puntos por baixo da media estatal e case seis menos que a primeira clasificada, Nafarroa (105,35).

Evolución do índice na Galiza e o Estado español.

Dos nove parámetros analizados polo INE en 2022, Galiza sae perdendo en todos —comparando coa media do Estado español— agás en dous: Seguridade física e persoal, onde obtén 106,22 (5,8 máis que a media), e Educación, con 110,62 (+0,98).

Pola contra, os peores resultados danse nos indicadores de Experiencia xeral da vida, cunha puntuación de 92,62 fronte aos 102,49 da media estatal, e en Gobernanza e dereitos básicos, con 93,04 fronte a 98,56.

A respecto dos demais parámetros, Galiza obtén 99,25 puntos en Contorna e medio ambiente (-2,3), 94,92 en Lecer e relacións sociais (-1,9), 99,93 en Saúde (-2,3), 100,4 en Traballo (-0,57) e 100,14 en Condicións materiais de vida (-0,13).