Galiza rexistra o peor saldo vexetativo de todo o Estado: 13.522 mortes máis que nacementos

Desde 1987 non rexistra saldo vexetativo positivo.

O sinal de alerta leva tempo encendido mais semella que ninguén lle fai caso: a perda de poboación de Galiza, o despoboamento e o avellentamento da sociedade galega conforman un panorama preocupante esen parangón no Estado. Un novo dato, o Movemento natural de poboación elaborado polo INE, ven retirar a dimensión do problema: Galiza rexistra en 2017 o peor saldo vexetativo de todo o Estado español, 13.522 mortes máis que nacementos. Desde 1987 en Galiza non se fecha un ano no que nazan máis persoas das que morren, van alóa 3 décadas.

 

En 2017 houbo no noso país 18.413 alumbramentos, que son case que 700 menos que no ano anterior. E houbo 31.937 falecementos, que son 178 máis que en 2016.A tendencia é, pois, preocupante.

 

Só 15 dos 314 galegos presentan máis nacementos que defuncións. Unha dinámica que encabeza Ames (saldo vexetativo positivo en 193 persoas), seguido de Arteixo (97), Salceda (35) e Cambre (28). No outro estremo, como concellos con peor saldo vexetativo, están as grandes cidades galegas. Na Coruña en 2016 houbo 721 máis falecementos que nacementos. En Vigo, 584; no Ferrol 479 e en Ourense, 447. Destaca o saldo negativo que presentan concellos como Viveiro, que con 15.000 habitantes ten un saldo negativo de 144 persoas. Ou Vilalba, que ten 14.000 habitantes e rexistrou 126 máis mortes que nacementos en 2016.

  

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

 

En 2016 a taxa de natalidade foi en Galiza de 7,02. É dicer, sete nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco ten peores rexistros: 6,6 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega.

 

De feito, países con problemas neste sentido, como Xapón, Alemaña ou Letonia, teñen moitos mellores rexistros que Galiza. Se pousamos a mirada nos cinco rexistros máis baixos de taxa de natalidade de estados desde 1960 vemos como o noso país ten peores datos que eles. Preocupante.

 

Proxeccións

 

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.

 

No 2015 tiñamos 219.310 menores de 10 anos en Galiza. Deles, 104.813 eran menores de 5 anos. Segundo as proxeccións do IGE, no 2031 teremos 139.899 persoas por baixo dos 10 anos de idade. Isto supón que dentro de 15 anos ese tramo de poboación, a de 0 a 9 anos, constará de perto de 80.000 persoas menos. O equivalente a todos os habitantes da cidade de Ferrol, por poñer un exemplo. Unha caída do 26%. Pola contra, a pirámide engrosa polo cumio. De 215.785 persoas que teñen entre os 80 e os 94 anos de idade pasarase a 251.095, o que é 35.310 persoas máis, un incremento do 16% respecto da actualidade.