Inicio da época de alto risco de incendios

Galiza padeceu nestes 5 anos 18.000 lumes forestais que queimaron 92.000 hectáreas de monte

Incendio, lume

Perto de 70 parroquias figuran na 'lista negra' de alta actividade incendiaria.

O 1 de xullo comeza en Galiza a época de alto perigo de incendios, un periodo que se prolongará até o 30 de setembro e no que a Consellaría de Medio Rural intensificará medios e actuacións ante o gran risco de lumes forestais. Xa ten un obxectivo marcado: reducir os incendios forestais. Dos 740 que houbo en 2015 agarda que non se superen os 678 nesta tempada de verán. A administración galega fala de incendios e non lumes. Estes son os incendios que non afectaron a máis dunha hectárea de terreo. Fican fóra, así, centos de pequenos incendios que, sumados, xuntan unha superficie importante de terreo afectado.

Así, no 2015 houbo no noso país 2.882 lumes forestais mais só 740 mereceron a categoría de 'incendios' para a Consellaría. Entre uns e outros supuxeron 11.800 hectáreas de superficie queimada, das cales perto de 4.900 eran de superficie arborada.

No ano anterior houbo, segundo os dados do Instituto Galego de Estatística, 1.227 lumes forestais, un descenso importante a respeito dos exercicios anteriores (2013, 3.581 e no 2012, 3,794 lumes). No 2011 foron 6.342 os lumes que afectaron o monte do noso país. Nestes cinco anos, e sumando todos eses lumes e incendios, máis de 91.500 hectáreas de superficie resultaron queimadas. Delas, algo máis dun terzo, 31.575 hectáreas eran de superficie arborada.

PAAI

En 2014 a Xunta fixo a primeira listaxe de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Unha categoría na que figuran os lugares que sofren unha media anual de sete lumes forestais nos últimos cinco anos ou ben que padecen incendios moi virulentos: dous ou máis incendios nos últimos 10 anos con máis de 200 hectáreas de monte queimadas ou ben que a superficie media dos rexistrados sexa superior ás 9 hectáreas. Pois ben, 67 parroquias galegas figuran nesta 'listaxe negra'.

 Ourense mantense, máis un ano, como a provincia con máis parroquias na listaxe, con máis do 60%, 42 de 67. Séguenlle Pontevedra, con 14; A Coruña, con 9; e Lugo, con 2. Esta ano pasaron engrosar esta táboa 8 parroquias, entre ellas a de Tállara (Lousame), Muñís (Navia de Suarna) ou Cudeiro (Ourense). Pola contra, 19 lugares abandonaron a listaxe.

Dúbidas

Fronte ás previsións da Consellaría, os sindicatos agoiran que vai ser unha campaña de incendios “complicada”. CIG, CCOO, CSIF e UGT lembran que neste 2016 faise unha década daquel 2006 “no que os incendios arrasaron os montes galegos” e lamentan que pouco se adiantase desde entón. “No lugar de profesionalizar o dispositivo único e público, volven atoparse no monte con empresas privadas, brigadas municipais, empresas semipúblicas, Protección Civil, militares, Bombeiros profesionais, etc..., todos eles baixo a responsabilidade dos Axentes Medioambientais nos incendios forestais. Todo este abano con diferentes medios fan pensar que a Xunta de Galicia está derivando a súas responsabilidades cara ás empresas privadas e outras administracións públicas, e descargando a extinción dos lumes en medios alleos á Administración galega, como é o caso da UME”.