Galiza só padeceu 129 ocupacións ilegais de inmobles en 2019

Losada preside unha reunión sobre as ocupacións. (Foto: Delegación do Goberno / Europa Press)
O delegado do Goberno español no país, Javier Losada, réstalle importancia por ter moita menos incidencia que noutros territorios como Catalunya, Valencia e o País Vasco. Malia todo mantivo unha reunión con representantes das forzas de seguridade.

As cifras non son elevadas. En 2019 déronse 129 ocupacións de vivendas e propiedades particulares de forma ilegal

Así o comentou esta segunda feira o delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, quen mantivo un ha reunión cos mandos do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil para intentar buscar solucións para que este delito non se manteña. 

Malia que as entradas pola forza en inmobles só representan un 0,16% de todas as infraccións penais rexistradas o ano pasado, o certo é que representan un motivo de preocupación para moitas galegas e galegos.

Se ben é certo que se quere acabar con estas prácticas, Losada defendeu que a situación non é “alarmante”. Defendeu esa idea aínda que as autoridades detecten un lixeiro incremento nos últimos tempos

Para xustificar o seu discurso confrontou datos de distintos puntos do Estado. Aquí se está “moi lonxe das 6.000 de Catalunya, as 1.400 de Madrid ou as 1.000 da Comunidade Valenciana e menos que as 213 do País Vasco e 186 de Aragón", resumiu. 

En calquera caso, á veciñanza quixo trasladarlle que dos 129 delitos, non todos “se corresponden co que entendemos por ocupación dunha vivenda por persoas para vivir nela". 

Obxectivos urbanos

"O número destas ocupacións sitúanse nos cen casos rexistrados o ano pasado pola Policía Nacional", precisou o delegado do Goberno que engadiu que a Garda Civil contabilizou nos últimos cinco anos 46 ocupacións.

O feito de que acuda máis a Policía Nacional que a Garda Civil tamén fornece un mapa de onde son máis habituais estas ilegalidades. A pesar do abandono do rural, as e os okupas prefiren as grandes cidades. 

"Trátase dunha infracción que se rexistra, principalmente, nas cidades, case de forma exclusiva nas zonas urbanas", recoñeceu Losada. 

Críticas da Xunta

Respecto do tema inmobiliario, a delegación do Goberno recibiu críticas por parte da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. A representante da Xunta acusou a Losada de non querer ter unha reunión conxunta para falar dos problemas da vivenda porque as ocupacións representan "un problema de orde pública que xera cada vez maior inquietude social".

"Pero tamén unha crecente inseguridade xurídica entre os propietarios de inmobles, o que repercute na propia dinámica do sector inmobiliario", lamentou.

Para Vázquez é preciso que o Estado forneza un “marco xurídico duradeiro, eficaz e definido que sirva para disuadir do delito e eliminar a sensación de impunidade entre os veciños e, á vez, garanta axilidade nos procedementos xudiciais",