Galiza outorgou 2,4 millóns de Certificados Covid

Unha persoa leva o seu certificado no teléfono móbil, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Úrsula Prego).
A maioría dos documentos que foron solicitados acreditan ter a pauta da vacinación fronte ao coronavirus completa -sen ter en conta a campaña de reforzo actual-, mentres que 31.000 pasaportes indican que as súas propietarias xa superaron o virus.

A Xunta vén de comunicar que na Galiza xa se superou a emisión de 2,4 millóns de Certificados Covid, agora indispensábeis para acceder ao lecer nocturno ou aos hospitais do país tanto no caso das e dos acompañantes de pacientes, como no caso das visitas.

O Goberno galego aclara que de todos os documentos solicitados, máis de 2,3 millóns son específicos para garantir a vacinación das e dous seus portadores.

Perto de 57.000 pasaportes aluden a resultados de probas de diagnose, mentres que outros 31.000 pertencen a galegas e galegos que acreditan ter superado o coronavirus.

Este tipo de avais son tamén precisos porque a súa demanda chega a hospitais de día, ximnasios ou centros de diálise, entre outros espazos, coa fin de frear o ritmo de contaxios nesta sexta onda da epidemia.

Probas voluntarias nas farmacias

Por outra parte, o Servizo Galego de Saúde indica que desde que se permitiu a venda de autotest nas oficinas de farmacia, chegaron por esa vía os resultados de 58.306 cidadás, dos que 714 deron positivo por Covid-19.

Para aquelas persoas que desexen comprobar a súa saúde desta forma, cabe lembrar que a Xunta ten un acordo cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos para que as farmacias adheridas ao plan -non son todas as da Galiza- acrediten a validez das probas rebaixando así a carga asistencial da Atención Primaria.

Respecto das probas de antíxenos gratuítas que se realizaron até o momento nos diferentes distritos sanitarios, Sanidade practicou 27.816 exames sanitarios con 311 positivos.