Colectivos pola lingua sinalan Galiza como "o banco de probas" de Wert para españolizar o ensino

[Imaxe: BNG]
Asociacións en defensa da lingua de Catalunya, Euskal Herría e do noso País xúntanse coa oposición no Congreso d@s deputad@s para lles transladar o seu rexeitamento á LOMCE e ao "ataque" contra as linguas propias que carrexa. Cadran ao identificar as políticas "de erradicación" emprendidas por Feijóo desde a Xunta como o espello en que se mirou o ministro español


Galiza foi "o banco de probas" para a implantación da LOMCE. Cadran nesta idea as asociacións pola defensa da lingua A Mesa (Galiza), Kontseilua (Euskal Herria) e Ciemen (Catalunya) no encontro que manteron esta terza feira en Madrid con forzas políticas da oposición con representación no Congreso d@s deputad@s para lles mostrar o seu rexeitamento ao "ataque" contra as linguas propias que supón a (contra)reforma educativa do ministerio de Educación.

Así as cousas, as tres organizacións en defensa da lingua valoraron como "moi positivo" o paso á fronte que deron a un tempo as tres nacións en prol dos seus dereitos lingüísticos nun momento de "agresións" á pluralidade lingüística.

Dixo o representante da Mesa, Carlos Callón, que tanto os dous colectivos sociais como as forzas parlamentares de Euskal Herria e Catalunya manifestaran o seu interese pola situación do galego na Galiza, toda vez que descoñecían "que está prohibido impartir determinadas materias na lingua propia", como matemáticas, física e química. Non sabían tampouco que a Xunta ordenou destruír 190 mil libros de texto "por estaren escritos en galego".

Un "ataque central" contra a autodeterminación dos pobos

Ao se tratar a LOMCE dunha lei orgánica son os grupos parlamentares quen ten facultade para a recorrer. Por isto se iniciou esta rolda de contactos en que o representante de Kontseilua, Paul Bilbao, pola súa banda, cualificou a norma como "un ataque central ás linguas minorizadas como a vasca" que vén botar por terra o traballo que os colectivos sociais levan facendo "nas últimas décadas" para garantir "que se poida vivir en euskera". Subliñou Bilbao que coñecer a lingua propia "é un dereito que non se pode obviar" concedendo maior importancia a materias como a relixión que aos idiomas dos territorios, e queixouse de que a LOMCE "acurruncha máis aínda as nosas linguas e os seus falantes".

Desde Catalunya, a representante do Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions, Maria Areny, deixou claro que "nós non poderiamos estar máis en contra" da 'lei Wert' porque "choca frontalmente" contra a lei de educación catalana e contra varias sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo que "apoiaron a aprendizaxe simultánea de dúas linguas" nos centros de ensino públicos do país. Achacou o texto do ministro español a "unha tentativa de recentralización" e de ir en contra "da autodeterminación dos pobos", tentativa que se agocha non só detrás das políticas educativas senón tamén noutras como as sanitarias "e até respecto da policía autonómica".