Galiza Nova marca como obxectivo da súa XV Asemblea Nacional “sumar mocidade” na loita por unha “Galiza ceibe”

“30 anos de loitas. Pasado, presente, futuro” é a palabra de orde da cita da organización das mocidades do BNG, que decorrerá o 24 de novembro en Compostela, e na que se elixirá Dirección Nacional, Permanente e Secretaría Xeral.

En 1988 nacía Galiza Nova, aglutinando e sumando mozos e mozas procedentes de diversas loitas – da estudantil á sindical, da defensa da lingua ao internacionalismo – en torno a un eixo marcado pola “libración nacional e social de Galiza”. Agora, trinta anos despois, Galiza nova, organización da mocidade do BNG, encara a súa XV Asemblea Nacional co obxectivo, afirman, de “fortalecer o nacionalismo entre a mocidade e de analizar a traxectoria da organización ao longo das súas 3 décadas de traballo”.

 

Galiza Nova actualizará nesta cita a súa estratexia e discurso, nun proceso xa iniciado de debate da militancia nas comarcas e localidades. “Está a ser un proceso participativo, pois ademais das militantes, tamén pode participar calquera moza interesada nas asembleas de debate previo nas comarcas para expresar a súa opinión”, indican desde a organización.

A xornada contará cun debate aberto no que toda a militancia e simpatizantes poderán participar na análise do informe político e traballo realizado, e no debate da tese política e de organización pola vía das emendas que a militancia está a presentar nos debates comarcais. Finalmente, será elixida a nova Dirección Nacional, Comisión Permanente e Secretaría Xeral.

 

No documento de análise política analízase o papel de Galiza Nova no movemento de liberación nacional de Galiza, a situación política de Galiza e do mundo tras estes dous anos e tamén se identifican as áreas de traballo preferentes para os vindeiros dous anos, tales coma a de emprego, vivenda, feminismo ou LGTBI.

 

“O que pretendemos é tamén darlle proxección pública a este proceso asemblear, chamando a participar del a todas as mozas que queiran sumar ao movemento nacionalista na Galiza, para loitar contra España e o capital e construír esa Galiza ceibe pola que levamos 30 anos loitando", concluíu Alberte Fernández, secretario xeral de GN.