Galiza Nova denuncia “o branquexamento da industria pornográfica”

No marco do 25N, Galiza Nova denuncia “o branquexamento da industria pornográfica” como forma de violencia machista.
A Asemblea de Mulleres da organización xuvenil Galiza Nova na comarca do Baixo Miño mobilizouse para remarcar que “a pornografía e a explotación das mulleres tamén son violencia”.

A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova realizou na madrugada deste sábado, 16 de novembro, unha acción reivindicativa nun local de alterne de Tui no que se celebraba un acto que incluía a participación dun actor pornográfico.

Segundo recoñece a organización, a denuncia pública desta actividade enmárcase na campaña polo 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista que acaba de presentar baixo o lema ‘Somos as que loitan por un país sen violencia’.

O branquexamento da industria pornográfica ten a súa base no sistema patriarcal. A pornografía e a explotación das mulleres tamén son violencia.

Coa delación de actuacións como a que tivo lugar en Tui, A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova quere poñer no foco “no branquexamento da industria pornográfica, que ten a súa base no sistema patriarcal, perpetuándoo”, porque “a pornografía e a explotación das mulleres tamén son violencia”, afirman.

Perante a situación actual e de cara ao 25N a organización xuvenil “pasa á ofensiva reivindicando a totalidade das violencias que as mulleres sofren a diario en todos os ambientes nos que se desenvolve a súa vida”.

‘Somos as que loitan por un país sen violencia’

Na súa campaña, Galiza Nova apela ao recoñecemento das moitas formas que adopta a violencia machista, xa que “non é só aquela que se manifesta a través das súas expresión máis aparentemente terríbeis como os feminicidios ou a violencia física”, sinala, senón tamén a de “carácter laboral, familiar ou institucional”.

Para combatela, din, é preciso “non só tecer redes de coidades senón tamén dotarnos de ferramentas para garantir a nosa supervivencia”. E neste sentido instan á “mobilización e a organización” como “formas de autodefensa necesarias”.