Galiza Nova convoca unha protesta contra Felipe VI en Tui

Cartaz co que publicita Galiza Nova a concentración (Foto: Galiza Nova)
A organización sostén que "Galiza non ten rei" e protestará esta cuarta feira pola visita do monarca á Comandancia Naval da localidade. A concentración terá lugar ás 12 horas na praza dos Cabalos.

O colectivo Galiza Nova vén de convocar unha concentración contra a Monarquía para esta cuarta feira. Esta protesta coincide coa visita de Felipe VI á Comandancia Naval de Tui.

A posición de Galiza Nova coa institución e coa figura do rei é moi crítica, polo que chaman a toda a cidadanía a protestar conxuntamente ás 12 horas.

A convocatoria terá lugar na Praza dos Cabalos (Corredoira). “Non hai cabida para a monarquía nunha democracia, nós témolo claro”, afirma o secretario xeral da organización, Paulo Ríos.

Desde o punto de vista da organización que convoca esta protesta, esta institución “representa un dos piares da represión colonial que sufre o noso país. As mozas galegas farémoslle fronte, demostraremos que non o queremos aquí e que non somos súbditas de ninguén.”