Galiza e o norte de Portugal compartían corpus artístico no Paleolítico

Comparativa de gravados do val do Côa e de Cova Eirós. (Foto: USC)
Novas publicacións revelan nexos culturais.

Cova Eirós, no concello de Triacastela (comarca de Sarria), a única localización na Galiza que alberga manifestacións gráficas paleolíticas, e o núcleo artístico do val do Côa, no distrito portugués da Guarda, no nordeste, –o conxunto rupestre ao aire libre máis extenso de Europa, conservando tamén unha destacada colección de arte moble– comparten convencións gráficas e un corpus artístico datado a finais do Paleolítico, hai máis de 9.000 anos, segundo revelan dúas publicacións científicas que veñen de ver a luz. 

O artigo "A fin do estilo paleolítico: un caso de estudo no noroeste peninsular", publicado na revista Munibe, e mais o capítulo "A arte rupestre paleolítica do norte de Portugal e a Galiza" dunha obra colectiva publicada na editorial Routledge, fan unha posta ao día sobre as representacións de finais do Paleolítico en Cova Eirós e no val do Côa, amosando a existencia de convencións e recursos gráficos compartidos nesta rexión.

Estas novas publicacións constatan a existencia dunha base estilística asentada, con continuidades e cambios específicos, que permite estabelecer analoxías entre Cova Eirós e val do Côa, explorando a existencia de nexos culturais entre os diferentes grupos que habitaron este territorio.

Simultaneamente, estes estudos permiten resaltar o valor das manifestacións de Cova Eirós ao integralas no seo do fenómeno gráfico peninsular, relacionándoas con outros sitios artísticos de relevancia.

Aínda que tradicionalmente o noroeste peninsular se consideraba un territorio á marxe do fenómeno gráfico paleolítico, os achados realizados desde a década de 1980 demostran a presencia de grafismos adscritos ás diversas fases do Paleolítico Superior.