'Galiza non se vende' mobilízase na defensa da terra e o mar

A Plataforma Galiza Non se Vende saiu á rúa para defender 'o mar e a terra' fronte aos poderes políticos e económicos.

A plataforma cidadá, manifestouse este domingo polas rúas de Compostela ao berro de "Goberne quen goberne, Galiza non se vende". Centos de persoas percorreron o treito que vai desde a Alameda até o caso vello para rematar de novo no punto de inicio, termando de diversas faixas que lembraban algúns dos principais conflitos medioambientais da Galiza.

A incineradora do Irixo --que o goberno pretende situar agora en Cerceda--, a serra do Galiñeiro ou a mina de Corcoesto foron as principais problemáticas

sobre as que Galiza non se vende, quixo lembrar na mobilización. Porén, e dada a proximidade das eleccións nacionais, @s membros da plataforma lembraron a responsabilidade política na destrución do mar, a terra ou os sectores produtivos do país.

Ao remate da manifestación, García MC foi o encargado de ler o manifesto, co que subliñou o "ataque do poder globalizado contra os dereitos conquistados con anos de loita". A destrución de emprego, as sucesivas reducións salariais, a suba de impostos, o empobrecemeno do país, a contaminación ou a restrición do dereito á manifestación foron algunhas das denuncias que resoaron na Alameda de Compostela. Realidade social, laboral, política e económica cuxa responsabilidade é, aseveraba o manifesto, "das sinaturas negras" --as dos gobernos--, plasmadas en decretos lei.

"Quen defende a economía social, a agricultura, a gandeiría, o patrimonio natural e histórico?" preguntábase García MC, a respecto daqueles "políticos que traizoan ao pobo" para atenderen, dicía, "aos intereses do capitalismo". A lectura rematou arengando a "defendermos nós o noso futuro" cara a "unha terra viva e unha vida digna", ao igual que o lema que rezaba a faixa da plataforma.  

Xuízo popular
O acto rematou cun xuízo popular contra "Pedro Reganosa" figura que representaba ao presidente dun partido político acusado de roubar "o dereito á soberanía alimentar", agredir a lingua, o patrimonio, as rías e os montes de Galiza. A acusación, da man da 'fiscal San José' --ironizando coa xuíza de Lugo responsábel do Caso Campeón ou Pokemon--, leu ou cargos que se imputaban ao acusado, quen procurou defenderse fronte aos apupos d@s asistentes. Finalmente, o xurado popular condenou ao imputado a se mollar na "chungatrona" .