José Bernardo Vázquez, auxiliar técnico forense: "Na Galiza non contamos con instalacións propias"

O auxiliar técnico forense José Bernardo Vázquez nun dos seus lugares de traballo.

Os traballos forenses son pouco coñecidos e as achegas da ficción televisiva poden levarnos ao engano. José Bernardo Vázquez exerce de técnico auxiliar nesta profesión desde hai anos e coñece a fondo o seu funcionamento. Percorre todo o país segundo cada caso e consegue facelo mantendo a súa residencia no rural galego. Afirma que se adiantou moito na medicina forense, mais aínda faltan investimentos en investigación e en instalacións que agora teñen que pedir prestadas a xulgados, funerarias ou hospitais. Cousas da Adminitración.

Como chega a este mundo forense?

Eu estudei laboratorio clínico e anatomía patolóxica. A miña chegada ao mundo forense foi un pouco por casualidade. Descubrín que no verán quedaban sen auxiliares de autopsias en Ourense e decidín apuntarme. Daquela dependía de Madrid e toda a documentación tramitábase alí. Tiven que diplomarme en Portugal por non existir ese título no Estado español cando en case todos os países europeos si tiñan eses estudos daquela. Imaxina a valoración que tiña a profesión que até hai pouco éramos “mozos de autopsias”, ou sexa, nada. 

En que consiste o seu traballo como auxiliar forense?

Consiste en amortallar, recibir e trasladar o cadáver á sala de autopsias, limpalo, preparalo, sacar as fotografías que manden os forenses e axudarlles durante toda a autopsia. Tamén facer unhas probas do sangue para determinar se ten algún tipo de enfermidade ou consumiu alcol ou drogas. Para rematar, tomanse as mostras do corpo que pidan e etiquétase para o estudo que se teña que realizar. 

Que é o máis duro da súa profesión?

A xente non aprecia o noso traballo desde o punto de vista médico. O impacto visual, sociolóxico é grande. Imaxina que chega unha persoa da túa mesma idade aínda que sexa por morte natural, non por un accidente... A caixa parva, que é como eu chamo á televisión, fixo moito dano nese sentido. Venden o que eles queren que vexamos para acostumarnos a este tipo de situacións. A realidade é que impón ver un corpo totalmente esmagado.

Doe, mais é interesante se falamos   de investigación, a miña auténtica paixón. Neste ámbito non hai descanso e facemos un seguimento das enfermidades novas que aparecen todos os días ou mesmo dos tipos de armas que xorden para cando hai un homicidio. 

Onde realiza as autopsias?

Dependendo do Instituto de Medicina Legal e Forense da Galiza, teño que desprazarme entre semana e facer gardas de 24 horas polas fins de semana. As autopsias realízanse en diferentes lugares. Na Galiza non contamos con instalacións propias. A nivel estatal hai que dicir que só teñen en Madrid, Barcelona, Catalunya, Nafarroa e Balears. Por este motivo traballamos de prestado en concerto co Sergas, coas funerarias ou cos xulgados. 

A vosa profesión implica non falar moito en público do voso traballo?

Desde logo. Teño traballado en casos que aínda están baixo segredo de sumario dos que non se sabe se foi ou non homicidio. Tamén en casos nos que se investigou se foi uha neglixencia médica ou ben contrautopsias para comprobar se houbo erros a unha persoa que xa estaba mesmo enterrada, e aparecen novos indicios. 

Algo que non se saiba da súa profesión?

Que tamén traballamos con vivos. Moita xente non sabe que tratamos casos de violencia de xénero, recoñecementos de imputabilidade, accidente de tráfico, ... o médico forense emite nestes exemplos un valor, un criterio que valora como se produciron as lesións que se analizan. Tamén hai descoñecemento entre as persoas que se achegan por primeira vez a esta profesión. Unha parte de culpa pode tela a circunstancia que até hai pouco só tiñas que ter estudos primarios para acceder a un posto. Levamos 16 anos de loita para que nos manden técnicos relacionados con este mundo.

Lembro o caso dunha persoa que veu a partir dunha lista de contratación da Xunta que chegou á sala de autopsias e comezou a sentirse mal. Apuntárase a esa lista porque nela daban puntos na Administración.