“Galiza non está no Centro galego de Montreal”

Imaxe: Da campaña de change.org

Unha campaña pide á Xunta que audite este centro onde, aseguran, non se promociona a cultura galega (“agás facer a queimada”) e si o flamenco e o latino.

“Galiza non está no Centro galego de Montreal” é o nome da campaña activada en change.org para denunciar a exclusión de lingua e cultura galego deste centro e pedir a Xunta que tome cartas no asunto. “Pedimos firmemente que a Xunta faga unha auditoría ao Centro para comprobar se merece o Rexistro de Galeguidade, xa  que "Axudas para proxectos culturais, sociais (...)" non se empregan para proxectos culturais ou sociais”.

 

Os impulsores desta campaña afirman que no centro “non se promociona a cultura galega (agás facer queimada)”, e mesmo que “os socios que discrepan coa directiva e queren unha promoción real de Galiza, expúlsanos”.

 

“Se en redes sociais preguntas por que non falan galego, ou non fan uso da cultura galega, bloquéante”, engaden, ao tempo que indican que no Centro Galego de Montreal a promoción que se fai é “da cultura latinoamericana e do baile flamenco”.

 

‘Galega en Montreal’, nome baixo o que se activou esta campaña, explica que esta procura “que tanto os galegos que están en Montreal, como os galegos que en Galiza pagan impostos para axudar os centros de emigración, saiban o que está a suceder”

 

“Queremos un anaquiño de Galiza en Montreal, non este dubidoso Centro Galego con Rexistro de Galeguidade”, conclúe