Galiza está nas 6.000 persoas contaxiadas de COVID-19 e 372 vítimas mortais

Un total de 1.186 persoas xa foron dadas de alta.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 5.939.

Deles, 1.252 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 1.166 da de Ourense, 501 da de Pontevedra, 1.090 da área de Vigo, 1.001 da de Santiago, e 338 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 136 permanecen en UCI (unha cifra que continúa a baixar), 735 están en unidades de hospitalización e 5.068 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 1.186 altas de pacientes e 372 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 46.110

No que respecta ás residencias, hai 1.339 persoas contaxiadas, das que 923 son usuarias e 416 traballadores e traballadoras. Faleceron 158 persoas en relación á COVID-19, 82 en residencias e 76 en hospitais e residencias integradas.

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais da Galiza supoñen 3,7% do total das persoas residentes.

Respecto das 3 persoas falecidas este domingo en centros residenciais, 1 foi na residencia Portádego (A Coruña), 1 na residencia DomusVi Cangas e 1 na residencia DomusVi Barreiro (Vigo).

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.