“Galiza nación”, unha campaña para estender a conciencia colectiva e os dereitos que iso implica

Vía Galega, presentación da campaña 'Galiza Nación'.

Impulsada pola Plataforma Vía Galega, contará con representantes dos campos literario, artístico, musical e deportivo para “explicar a condición nacional de Galiza”.

 

"Galiza nación. Un pobo con dereitos" é o nome da nova campaña que impulsa a Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións. Unha campaña que nace co obxectivo de que na sociedade galega se asuma "con naturalidade e consciencia a realidade de que Galiza é unha nación", segundo explicou o portavoz Anxo Louzao nunha comparecencia de prensa. . A iniciativa estenderase até o 18 de abril, cando se convocará unha manifestación nacional en Compostela.

"Galiza é unha nación con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións", lembrou Louzao, "e como nación que somos asístenos o dereito a decidir e a exercer o dereito de autodeterminación".

Na rolda de prensa de presentación, ademais de Anxo Louzao, participaron Lucía Veciño e Artai Gavilanes que destacaron que xa están previstos actos, conferencias, debates e palestras na maioría das comarcas da Galiza.

"Xa temos proxectados actos en Compostela, Arzúa, na Barbanza, na Coruña, Bergantiños, Ferrol, Lugo, na Mariña, Ourense, Pontevedra, no Salnés, na Estrada, Lalín, Vigo, no Morrazo e no Baixo Miño", indicaron.

A negación dos nosos dereitos colectivos como pobo leva aparellada a limitación dos dereitos individuais e unha baixa calidade democrática

Cartaces, folletos, vídeos

Vía Galega indica que se editaron 15.000 folletos explicativos da condición nacional de Galiza así como 2.000 cartaces.

Ademais, realizouse un vídeo “que define os trazos que conforman a nación galega e un percorrido histórico-reivindicativo de Galiza”, así como a gravación de 10 vídeos onde persoas referentes da sociedade galega dan a súas razóns de por que Galiza é unha nación. Entre elas,  Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.

"Con esta campaña, desde Vía Galega, pretendemos combater as mentiras da Galiza subsidiada, desterrar os complexos, desfacer prexuízos e fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro", destacou Anxo Louzao.

Insitíu Louzao en que cómpre crear máis sensibilización e conciencia nacional "para contrarrestar a galopante españolización, os permanentes ataques perpetrados contra o noso ser colectivo, a nosa cultura e a lingua nacional".

"A negación dos nosos dereitos colectivos como pobo leva aparellada a limitación dos dereitos individuais e unha baixa calidade democrática, xa que non hai cidadáns e cidadás libres en nacións oprimidas; de aí a necesidade dun status político soberano para Galiza para exercitármonos todos os dereitos como pobo", concluíu.