Concentracións nas sete cidades e decenas de vilas do país

Galiza mobilízase polos dereitos LGBTI+

Xornada de mobilizacións con motivo do Día do Orgullo LGBTI+

Concentracións nas sete cidades galegas e decenas de vilas de todo o país. Así está a celebrar Galiza o Día do Orgullo LGBTI+ deste ano, unha das xornadas máis participativas dos últimos tempos nas que se suman, ademais, diferentes colectivos e plataformas, así como organizacións políticas e sindicais, para reclamaren a igualdade de dereitos. 

Os actos véñense desenvolvendo ao longo da última semana en múltiples localidades galegas con diversas actividades. A meirande parte das concentracións terán lugar no serán deste sábado, se ben en localidades como Ferrol comeza ás 12:00 horas na praza Amada García. Desde alí, percorrerán varias rúas do centro da cidade naval. A manifestación está convocada polo colectivo Avante LGBT e apoiada pola Marcha Mundial das Mulleres e outras organizacións políticas e sindicais. 

Desde Avante LGBT explican que «non imos facer unha festa; imos facer unha manifestación para reivindicar os nosos dereitos como persoas con corpos, identidades e sexualidades diversas». Sinalan ademais  que "o Orgullo non é de todas as persoas; é das que estivemos históricamente oprimidas polo noso sexo, xénero e/ou orientación sexual".