Galiza mobilízase para frear a entrada en vigor do tratado de libre comercio CETA

Concentración en Vigo contra o CETA (Imaxe: @adrianrbravo)

As cidades galegas súmanse á xornada de loita internacional que pretende incidir no resultado das votacións que terán lugar nas próximas datas para ratificar o acordo económico entre a Unión Europea e o Canadá, que conta cunha ampla oposición social. 

Centos de persoas mobilizáronse este sábado no país para amosar o seu rexeitamento á entrada en vigor do tratado de libre comercio CETA. Concentracións en Vigo, Ourense e Ferrol no marco dunha xornada internacional de loita contra o acordo entre a Unión Europea e o Canadá, que enceta nas próximas datas a fase final para a súa ratificación. 

Os actos foron convocados polas diferentes plataformas galegas contra os tratados de libre comercio, que agrupan nunha fronte común decenas de organizacións sindicais, políticas e sociais. Unha mobilización que pretende incidir no resultado da votación do próximo día 24 de xaneiro que se celebrará na Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo. E evitar, en último caso, a entrada en vigor do acordo económico e comercial, cuxa votación final está prevista para febreiro. 

“O CETA foi cuestionado por amplos sectores da sociedade civil, tanto na Unión Europea como no Canadá, por non ofrecer garantías respecto da protección do medio ambiente e dos dereitos fundamentais das persoas. Na Unión Europea, máis de 3,5 millóns de persoas asinaron unha petición en contra do CETA e o seu tratado xemelgo, o TTIP, que negocian os Estados Unidos e a Unión Europea”, sinalan desde as plataformas galegas. 

Concentración en Ourense (Imaxe: @PodemosRibSacra)

En Galiza, unha vintena de concellos aprobaron mocións contra estes tratados e se declararon “territorios libres” fronte os opacos acordos que se están negocian. Concellos que representan a case medio millón de galegos e galegas. Desde Pontevedra, Rianxo a Allariz, gobernados polo BNG; pasando por Compostela e Manzaneda, coas candidaturas municipalistas ou mareas; chegando a Lugo e O Barco, liderados polo PSdeG, entre outras localidades. A decisión de se declarar contrarios aos tratados partiu de mocións presentada  polos grupos con representación político e tamén a través de iniciativas veciñais.