Caderno de Verán

Galiza, meta dos ornitólogos

Cegoñas na Terra Cha (Foto: Turismo de Galiza)
A páxina de Turismo de Galiza ten un espazo dedicado exclusivamente ás persoas que viaxan até aquí para ver distintas especies de aves. As e os expertos aseguran que a nación é recoñecida mesmo no extranxeiro pola súa riqueza. 

Un entretemento tranquilo, barato, seguro e para a toda familia no estío é a observación de aves. Esta práctica está máis de moda do que cree a maioría da poboación e Galiza é un destino turístico de primeiro nivel para as e os amantes da ornitoloxía. 

Existe unha Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Xunta a través de Turismo de Galiza ten un apartado na web que fala da oferta para este perfil de turistas e hai moitas persoas apaixonadas polo tema descubrindo os voos e as especies que se dan en cada recanto do país cada vez que teñen esa oportunidade. Esa infraestrutura dá unha idea do éxito que ten unha actividade de lecer e coñecemento que para a maioría da poboación pasa desapercibida.

O ornitólogo e comunicador ambiental Antonio Sandoval conta que "hai moitos lugares moi interesantes" para atopar aves, posto que este é "un país moi variado coa parte mediterránea en Ourense e a parte máis oceánica" preto do litoral. 

"Agora mesmo estamos nun momento de cambio: os cirrios están marchando, hai outras especies que comezan a deixarnos polas migracións e chegan do norte cara ás zonas húmidas píllaras, biruricas...", subliña o experto, que tamén destaca a presenza de paxaros máis habituais nas áreas mariñas. 

Nestes espazos de litoral, dos que a nación non anda escasa, avístanse "mascatos, palleiras... e ao final de agosto o movemento vai ser moito maior". Así os interesados en introducirse nesta afección teñen tempo de facerse cuns prismáticos "de oito ou dez aumentos", mercar unha guía de campo como a que ten publicada Baía Edicións, por exemplo, e ler o código de boas prácticas da Sociedade de Ornitoloxía para respectar os hábitats. 

Sandoval conta que este turismo transcende fronteiras e que hai moitas visitas internacionais para ver "as migracións das aves oceánicas" desde Estaca de Bares. "É o principal destino ornitolóxico internacional e estatal da Europa continental", subliña. 

Para os aprendices e os expertos tamén están, como di Turismo de Galiza, as zonas húmidas da Terra Chá, as Illas Atlánticas, a Costa da Morte ou A Guarda e o esteiro do río Miño.