A Galiza, en "máxima cautela" ante o risco extremo de incendios

Índice de risco diario de incendios para a quinta feira, 16 de agosto. (Foto: Medio Rural)

Os bombeiros comarcais continúan en folga indefinida para reclamar máis medios

Segundo o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) calculado pola Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza, nesta cuarta feira, 16 de agosto, case a metade da superficie da Galiza atópase en risco moi alto ou extremo de incendios. Unha área semellante atópase en risco alto e só as comarcas de Ortegal, A Mariña e parte da Terra Chá teñen un risco moderado ou baixo de lumes.  

Neste escenario, o conselleiro do Medio Rural, José González, garantiu que a Xunta está en "máxima prevención" e "cautela", co dispositivo contra incendios "totalmente despregado", para previr e loitar contra as chamas en caso de producirse. Nesta temporada estival, polo menos até o momento, non houbo que lamentar grandes lumes como os do verán do 2022.

"Calquera hectárea que arde na Galiza é unha desgraza. Por tanto, nós traballamos para que haxa a menor afectación posible", dixo González, en declaracións aos medios desde Ribadavia (comarca do Ribeiro), onde supervisou os traballos de roza que desenvolve o Concello cun tractor cedido pola Administración galega.

O conselleiro afirmou que está "totalmente despregado" o servizo de prevención e extinción con máis de 3.000 efectivos xunto con persoal doutras institucións. Entre elas, as Forzas Armadas a través da Operación Sentinela iniciada na terza feira, 15 de agosto, e as forzas e corpos de seguridade do Estado español.

Falta de medios

Con todo, o departamento que dirixe González foi albo de críticas por parte da oposición, que denunciou “falta de persoal” nos servizos de extinción de incendios, e lamentou que o Executivo galego se enfronte ao verán “sen previsión de ningún tipo”, fiando ao tempo sortear os lumes. 

Tanto BNG como PSdeG criticaron tamén a situación de precariedade laboral do servizo de prevención de incendios, pois dous terzos do cadro de persoal deste servizo dependente da Xunta teñen unha vinculación de carácter eventual.

Tal é así que 500 bombeiros comarcais de arredor de 25 parques (con consorcios a 50% da Xunta e das deputacións) están chamados a secundar unha folga indefinida que leva activa xa dous meses para reclamar unhas condicións laborais e un convenio “dignos”.