PARTICIPAN MáIS DE 300 COLECTIVOS DE TODO O ESTADO

A plataforma feminista galega marcha en Madrid contra a violencia machista

[Plataforma feminista galega]

A Plataforma feminista galega fai parte dos máis de 300 colectivos que se manifestan este sábado na capital española contra todas as formas de violencia.

 

Trátase da primeira mobilización a nivel estatal contra a violencia machista. Máis de 300 colectivos feministas xunto con organizacións politicas e sociais marcharán pola capital española "para exixir que o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado". 

Perante as cifras oficiais do feminicidio, que se elevan a 41 mulleres no conxunto do estado e 6 na Galiza, máis de 200 autobuses partirán desde distintos puntos do Estado español até Madrid. 

Da Galiza sairán 12 co obxectivo, salientan desde a Plataforma Feminista galega de ter "presenza propia". 

Ao longo dos últimos días diversas insitucións amosaron o seu apoio á plataforma e á propia convocatoria pendurando faixas dos edificios públicos en rexeitamento a todas as formas de violencia contra as mulleres. 

Eis o cerne da convocatoria, visibilizar que "as violencias que vivimos en distintos ámbitos suceden nunha sociedade que tolera a desigualdade e resta credibilidade e e autoridade ás mulleres", afirman no manifesto

Aliás, poñen o foco no "machismo" que alimenta a nosa desvalorización, a cousificación dos nosos corpos e a falta de respecto ás nosas decisións". Agresións, din, que padecen tamén "as persoas que non responden á masculinidade hexemónica". 

Prevención e protección

Perante isto, reclaman, considerar como "unha cuestión de estado" a "loita contra o terrorismo machista" e urxen a "sociedade" e "as súas organizacións" a se comprometeren nesta loita. 

Unha batalla que se debe focar non só na "violencia que exerce a parella ou ex-parella" senón tamén "as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral, a trata con fins de explotación  sexual/laboral de mulleres e nenas e todas as violencias machistas". 

Exixen a supresión da custodia partillada imposta e do réxime de visitas a maltratadores condenados

Aliás, reclaman a "prevención" como unha "política prioritaria" através da incorporación dun "sistema coeducativo". Mais tamén, un sistema que garanta a "protección" daquelas mulleres que se atopen en situación de violencia. 

Nas súas demandas, o movemento feminista a nivel estatal exixe a supresión da "custodia partillada imposta" e do "réxime de visitas" para aqueles homes "condenados" por violencia machista. 

Doutra banda, lanzan unha mensaxe aos medios de comunicación á fin de que se "comprometan a facer un tratamento adecuado das diferentes violencias machistas, visibilizándolas, evitando o sensacionalismo morboso no seu tratamento e empregando unha linguaxe e unhas imaxes non sexistas".