Galiza marca un novo récord de positivos rexistrados de Covid nun día con máis de 3.400

Colas para facer a PCR no Náutico de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A sexta vaga deixa na Galiza outro máximo de casos activos ao superar os 28.000

Catro días despois de Noiteboa, Galiza atinxiu un novo récord de contaxios por coronavirus nunha xornada ao rexistrar outros 3.468 positivos, que son un milleiro máis que os notificados a segunda feira.

Así, os casos activos continúan en escalada e superan xa os 28.000 até marcar outro máximo da pandemia. Mentres tanto, a presión hospitalaria sobe con outros sete ingresados con Covid, até alcanzar os 305 en total.

No que respecta ás novas infeccións, segundo os datos publicados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade -actualizados ás 18 horas da segunda-, a cifra de 3.468 implica bater o anterior récord de 3.100 do pasado sábado, 25 de decembro. De todos os positivos notificados na última xornada, a área de Vigo volve situarse á cabeza ao concentrar 842. Séguenlle a de Santiago-Barbanza, con outros 654 contaxios; e a da Coruña-Cee, con 567. Despois están Pontevedra-O Salnés, con 512; Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 422; Ferrol, con 244; e Lugo-A Mariña-Monforte, con 227.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde da segunda feira, 27 de decembro, a incidencia acumulada da Galiza disparouse ao longo da fin de semana de Nadal ata os 953,47 casos por 100.000 habitantes. No estado, esta taxa está nos 1.206,21 puntos. Para analizar o ascenso da cifra de contaxios detectados no último día, hai que ter en conta que nas últimas 24 horas analizadas realizáronse 12.885 PCR, que son 3.108 máis que a xornada previa. Desde o inicio da pandemia, o Sergas fixo 3.261.145 destas probas.

En canto á taxa de positividade en PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, volveu subir até 21,1% o que implica que se mantén moi por riba do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Se se observan as hospitalizacións, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabilizaba esta segunda feira ás 18 horas -hora tomada como referencia para os datos publicadosesta terza- un total de 305 pacientes covid ingresados, sete máis que o día anterior. De todos eles, 249 están en planta (tres máis) e 56 en unidades de coidados intensivos (catro máis).

A presión asistencial sobe en tres das catro áreas sanitarias

A sexta onda da pandemia da covid-19 en Galiza segue en ascenso despois de superar o domingo os picos das cinco anteriores. Así, Sanidade notifica esta terza feira un novo récord con 28.334 casos activos da enfermidade, tras unha subida de 2.538 nun día.  Esta escalada dáse en todas as áreas sanitarias, sen excepcións.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza ascenden a 2.753, ao notificar a Consellaría de Sanidadeesta segunda feira oito vítimas mortais máis correspondentes aos días anteriores. Pola súa banda, 197.844 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse a Comunidade galega desde o comezo desta crise sanitaria, que constitúen 923 máis que as rexistradas ata o día anterior.