Galiza mantense por baixo do cento de contaxios diarios, mentres descende a presión hospitalaria

Dispositivo para a realización de pruebas PCR (AFP7 / Joaquin Corchero)

O número de contaxios diarios de Covid-19 na Galiza volveu descender nas últimas horas até situarse por baixo do cento por segundo día consecutivo. Ademais, continúan á baixa tanto os casos activos da enfermidade, a 3.249, como os pacientes que requiren hospitalización, até os 149.

Así, segundo os datos feitos públicos esta terza feira polo Sergas (con información recollida até as 18 horas da segunda), nas últimas 24 horas computadas rexistráronse 75 novas infeccións por coronavirus a través de todo tipo de probas, que supón 14 menos que os notificados na xornada anterior.

Esta cifra reduciuse en catro das sete áreas sanitarias. En concreto, a de Lugo-A Mariña-Monforte notificou 10 positivos novos (17 menos que o día previo); a de Santiago-Barbanza sumou 9 (-9); e a de Ferrol, ningún novo caso (-2).

Pola contra, subiron o número de infeccións diarias rexistradas a área da Coruña-Cee, até as 23 (+2); a de Vigo, a 20 (+10); e a de Pontevedra-O Salnés, con 6 positivos novos (+3). No caso da de Ourense-Verín-O Barco, mantívose estábel con oito contaxios notificados nun día.

Con estas cifras, o número de persoas infectadas polo coronavirus desde o inicio da pandemia ascenden a 181.216. Ademais, nas últimas 24 horas na Galiza recibiron a alta outros 288 pacientes, cos que son 175.392 en total.

Ao producirse máis altas que novos diagnósticos nas últimas horas, as persoas que contan coa infección activa volveron anotar un descenso até situarse nas 3.249 -217 menos que un día atrás-.

Este descenso replícase en todas as áreas sanitarias. A que contabiliza o maior número de pacientes segue sendo A Coruña-Cee, con 879 (-60), seguida de Lugo-A Mariña-Monforte, con 629 (-38); e Santiago-Barbanza, con 560 (-40).

Séguenlles Vigo, con 480 pacientes Covid (-29); Ourense-Verín-O Barco, con 351 (-16); Pontevedra-O Salnés, con 214 (-10); e Ferrol, con 136 (-24).

A porcentaxe de infeccións detectadas nas PCR situouse na última xornada no 1,7%, polo que se mantén por baixo do 5%, limiar determinado pola OMS para dar por controlada a pandemia.

Presión hospitalaria

Con respecto á ocupación de camas en hospitais galegos, esa presión asistencial reduciuse, a pesar do aumento notificado por Sanidade esta segunda feira. Así, o último balance do Sergas ofrece unha cifra de 37 persoas en unidades de coidados intensivos -nove menos que hai un día- e 112 en planta -catro menos-.

Se observamos os pacientes máis graves, a área da Coruña continúa como a de maior número de persoas en críticos, con 12, aínda que non rexistrou variacións no último día. Tampouco cambiou a cifra na de Pontevedra, con catro; na de Lugo, con tres; nin na de Santiago, con dúas.

Mentres tanto, descenderon os enfermos que requiren UCI nos hospitais da área de Vigo, até os 7 (-1); na de Ourense, a seis (-2); e na de Ferrol, a tres (-2).

Falecementos

Desde o comezo da crise sanitaria, faleceron 2.608 galegas e galegos que estaban diagnosticados de Covid-19. Os últimos óbitos comunicados por Sanidade foron os de catro homes de 87 anos (falecido no CHUS de Santiago), 90 (no HULA de Lugo), 94 (no Chuvi de Vigo) e 76 anos (no HULA). Contaban con patoloxías previas.