Sanidade ábrese a ampliar horarios de hostalaría a vindeira semana

"Se non houbese Semana Santa, seguiriamos pechados", dixo o conselleiro.

O conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, sostivo que Galiza "mantén" a previsión de peche perimetral para a ponte de San Xosé e a Semana Santa e, a falta de que o que se decida no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ( CISNS), a idea da Administración galega é manter sen cambios tamén o toque de recoller entre as 22 e as 6:00 horas.

"Se non houbese Semana Santa, seguiriamos pechados". Desta maneira liquidou as dúbidas o conselleiro de  Sanidade ao ser preguntado na rolda de prensa posterior ao comité clínico do martes.

Con todo, o titular da Administración sanitaria galega si avanzou que son previsíbeiscambios nas medidas que afectan internamente a Galiza. Deste modo, recoñeceu que está riba da mesa a ampliación de horarios na hostalería a partir da próxima semana (o día 16 volve reunirse o comité clínico), decisións que entrarían en vigor, precisamente, o 19 ás 00:00 horas, xornada de festivo.

Comesaña lembrou que Galiza deseñou un documento con catro niveles que quedaron suspendidos en xaneiro e que, anunciou, "vai recuperar". Estes niveis -restricións máximas, nivel medio alto, nivel medio e nivel básico- rexíanse pola incidencia acumulada delimitando as medidas en franxas máis concretas que as que están actualmente vixentes (xa que agora o nivel medio abarca desde concellos como A Coruña cunha incidencia acumulada de 225 a outros sen  contaxios nas últimas semanas).

Ademais, para cada un dos niveis había uns criterios de capacidade en hostalería e de mobilidade. Este documento, que deixou de estar vixente co endurecemento das medidas que se tomaron na terceira onda, despois de Nadal, será agora recuperado, aínda que faltan por saber os matices que se poidan engadir.

Concretamente, o conselleiro avanzou que "non é descartable que a semana que vén se faga un reaxuste de horarios", con outras franxas para a hostalería (actualmente pecha en toda Galiza ás 18:00 horas). "