Galiza lidera a sinistralidade laboral no Estado

Somos o segundo territorio con maior índice de accidentes laborais mortais e tamén segundos en sinistros graves. A precarización do mercado laboral galego nestes anos reforzou a posición do traballador como o elo máis feble.

Galiza está no podio estatal de sinistralidade laboral. Medalla de prata en accidentes laborais graves e medalla de prata tamén en accidentes con resultado de morte. Un medalleiro ben cumprido nas olimpiadas da precariedade laboral e dos seus efectos sobre as persoas traballadoras, como demostran os datos do primeiro trimestre de 2018 e os da evolución entre abril 2016-marzo 2018.

 

O índice de incidencia (número de accidentes de traballo por cada 100.000 traballadores) sitúa a Galiza como segundo territorio do Estado con maior índice de sinistros graves: case 57, o duplo que a media estatal. Só Estremadura presenta aquí peores dados. E Galiza é tamén segunda en índice de incidencia de accidentes laborais mortais: 5,3; só por detrás de Cantabria. Para poñer o ramo, Galicia, mentres no conxunto do Estado o índice de incidencia total redúcese en 3,2%, en Galiza increméntase en 2,7%.

 

En 2017 rexistráronse en Galiza máis de 27.000 accidentes laborais con baixa en xornada laboral. Unha cifra, digámolo así, contundente e que supón un incremento de 9,17% a respecto do ano anterior. No que vai de década (2010-2018) morreron en Galiza en accidentes laborais perto de 430 traballadores e máis de 3.700 sofreron feridas de carácter grave. Nese período, o exercicio con máis vítimas mortais fora o 2010 (64 persoas falecidas).

 

Desde o gabiente de saúde da CIG teñen insistido en que a seguridade e a saúde no traballo teñen sido recoñecidas como un dereito fundamental e irrenunciábel no ámbito dos dereitos humanos. “Quen consciente e premeditadamente atenta contra as mesmas está a cometer un delito imperdoable de lesa humanidade. Son infinitos os atropelos e abusos que a través das modificacións lexislativas e normativas propiciadas pola reforma laboral se están a cometer no ámbito do traballo, moitos deles directamente relacionados cos incumprimentos, distorsións e interpretacións mal intencionadas dos marcos xurídicos que regulan a seguridade e a saúde laboral dos traballadores/as”. 

 

Para a UXT “resulta evidente que os anos de crise -que levaron a unha forte precarización do mercado laboral galego-, xunto coa imposición dunha Reforma laboral -que só trouxo precariedade e situou ao traballador na parte máis débil da balanza en relación ao empresario, incluso lle restou moitos dos instrumentos de loita que tiña ata o momento-, están detrás desta realidade”.

 

Dende a perspectiva económica, a sinistralidade laboral cóstalle ao Estado español entre 15 e 20 mil millóns de euros ao ano, dependendo das fontes consultadas. Isto é, un custo equivalente entre 1,5% e o 2% do PIB do Estado. Debido á peor prevención e a maior sinistralidade, estas porcentaxes de custo triplican ás que se producen nos Estados da nosa contorna europea.