Galiza inicia a semana con 741 casos activos e 28 novos contaxios

Varias persoas acuden a facer trámites relacionados co coronavirus, en Ourense. (Foto: Área Sanitaria de Ourense)
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas de Pontevedra-O Salnés e Lugo; descende na de Vigo; e mantense nas da Coruña-Cee, Santiago-Barbanza, Ourense e Ferrol.

Galiza inicia esta semana con 741 casos activos de Covid-19, polo que mantén a tendencia descendente, e cunha caída de novos contaxios a 28, mentres que os hospitalizados aumentan lixeiramente por terceiro día consecutivo até o 56 -un máis-. A taxa de positividade sobe a un 1,3% .

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas do domingo, aumentan a 13 as persoas diagnosticadas con Covid-19 ingresadas en UCI -unha máis- e mantéñense 43 ingresadas noutras unidades, mentres que 685 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas de Pontevedra-O Salnés e Lugo; descende na de Vigo; e mantense nas da Coruña-Cee, Santiago-Barbanza, Ourense e Ferrol.

Os casos activos de Covid-19 manteñen a tendencia descendente e, após baixar do milleiro a pasada sexta feira, sitúanse en 741, que supón 41 menos ao haber máis altas (68) que novos contaxios (28), ao que se engade un falecemento.

Con todo, as infeccións activas aumentan lixeiramente en dúas das sete áreas sanitarias: Ourense (+2) e Pontevedra e O Salnés (+2), mentres que descenden nas outras cinco: Lugo (-15), A Coruña e Cee (-11), Vigo (-8), Santiago e Barbanza (-7) e Ferrol (-4).

Os novos contaxios de Covid-19 descenden de novo por baixo da trintena no conxunto de Galiza até os 28, que constitúen 7 menos que os 35 da xornada anterior. A semana pasada o rexistro máis baixo correspondeu á quinta feira, con 22.

Nas últimas 24 horas detectáronse 29 positivos -algún corresponde a casos xa detectados- por proba de infección activa, seis menos que o día anterior, dos que sete corresponden á área de Ourense; seis, á de Vigo; outro seis, á da Coruña e Cee; cinco, á de Lugo; dous, á de Santiago e Barbanza; dous, á de Pontevedra e O Salnés; e un, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- comeza a semana cun 1,3%, após descender ao 0,9% o día anterior. Por iso, este parámetro mantense por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

En Galiza as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.639, despois de notificar Sanidade este domingo unha vítima mortal.