Na Galiza hai menos denuncias pero a mesma percepción de violencia machista

A macroenquisa do Ministerio de Igualdade sinala que unha de cada seis galegas ten sufrido violencia económica dentro da parella. (En Negro contras as Violencias)
O Tribunal Superior de Xustiza sitúa Galiza como o terceiro territorio con menor taxa de violencia de xénero unha tendencia que se mantén desde 2018. Porén, outras fontes como a macroenquisa realizada polo Ministerio de Igualdade detectan que la violencia machista opera na mesma medida que no resto do Estado español.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) fixo públicas hoxe as últimas estatísticas sobre violencia machista que, atendendo ás denuncias e á taxa de vítimas por cada 10.000 habitantes, volven situar Galiza como un dos territorios do Estado español con menor incidencia deste tipo de criminalidade. 

Cos datos do segundo trimestre deste ano, marcados pola incidencia da pandemia na actividade xudicial, as 10,6 vítimas de delitos de violencia de xénero neses tres meses colocan o país como o terceiro territorio con menor taxa, por diante de Castela e León (8,1) e Estremadura (9,4) e lonxe da media española, que se fixa neste período nas 13,8.

Oito de cada dez casos de violencia de xénero que chegaron aos xulgados galegos –foron 1.489 entre abril e xuño– procedían de atestados policiais con denuncia da afectada.

As cifras manteñen a tendencia do último ano, xa que Galiza foi en 2019, e tamén no primeiro trimestre de 2020, o segundo territorio con menor taxa de mulleres vítimas.

Porén, esta posición contrasta co recollido na macroenquisa de violencia sobre a muller de 2019 elaborada pola Delegación do Goberno español contra a Violencia de Xénero –e feita pública polo Ministerio de Igualdade en setembro– a partir das experiencias de 9.568 mulleres de máis de 16 anos de todo o Estado español.

Unha de cada tres

No estudo, a violencia padecida polas mulleres galegas a mans da parella ou ex parella sobrepasa a media española en varios parámetros (se ben hai que ter  en conta –como o propio documento fai notar– que, sendo o que se amosa a "prevalencia de violencia declarada" polas participantes, as diferenzas territoriais resultantes poden responder a distintas causas, algunhas  sociais e culturais). 

Así ocorre no referido á violencia "total" (física, sexual, emocional, control, económica, e medo) sufrida  nalgún momento da vida a mans dalgunha parella, onde 33,9% das mulleres galegas participantes refiren ter pasado por esta situación, dous puntos por enriba da media española (31,8%).

Tamén no caso da violencia económica exercida por algunha parella a media galega (14,1%)  supera a estatal, onde 11,6% das  mulleres que recoñece ter sido vítima desta clase de condutas ao longo da vida por parte dun compañeiro sentimental. 

E o mesmo sucede cando se cuestiona pola violencia psicolóxica e emocional padecida nalgunha relación de parella –na Galiza, 24,1% de respostas afirmativas, fronte a 22,4% da media– ou pola violencia psicolóxica de control, que sentiron 27,6% das galegas sondadas.

Pola contra, Galiza queda por detrás da media no que ten a ver con violencia física ou sexual no ámbito da parella no curso da vida, que admiten ter soportado unha de cada seis galegas (16,2%), moi por detrás da media estatal (24,7%). 

Nas enquisas relativas aos últimos 12 meses, a violencia psicolóxica experimentada polas mulleres galegas neste tempo está próxima á media (6,2% fronte ao 6,5% de España) e o mesmo ocorre se se pregunta por violencia total: 9% das participantes galegas afirma tela padecido, algo por debaixo da media, de 10,7%.

Nove de cada dez xuízos acaban en condena

Segundo as cifras trasladadas polo TSXG, 89,8% das persoas axuizadas por delitos vinculados á violencia machista entre abril e xuño na Galiza (98 homes) acabaron condenadas. Isto supón un aumento de case dez puntos con respecto ao primeiro trimestres de ano e máis en relación ás condenas de 2019, que representaron, segundo datos da Fiscalía, 73% dos ditames neste tipo de casos.

A análise do TSXG aprecia ademais un descenso no número de mulleres que se acollen á dispensa de non declarar contra a persoa denunciada –parella ou ex parella– e que representaron neste trimestre 8,6% do total, cun descenso de 21,8% respecto ao mesmo trimestre do ano pasado. Neses meses, estando vixente o estado de alarma, solicitáronse 489 ordes de protección nos xulgados galegos, que concederon 64% delas, 313.