Galiza gozou da mellor versión da eclipse parcial de Sol

Proxección da eclipse coa axuda duns binoculares. (Foto: @CeosGalegos).
Ducias de afeccionados e curiosos experimentaron con diferentes instrumentos de observación para ver a eclipse. 

Galiza converteuse na mañá desta quinta feira no mellor lugar da península para observar a eclipse parcial de Sol que noutros puntos do planeta viron como eclipse anular. Foi o caso do nordés de Canadá, o norte de  Groenlandia (Dinamarca), o océano Ártico e o nordés de Rusia.

Na península alcanzou unha magnitude máxima de 0,20 no extremo noroeste da península, foi de 0,10 no interior peninsular e de arredor de 0,02 nas illas Canarias e Balears.

Así, a cidade da Coruña gozou dunha das vistas máis completas da eclipse parcial deste 10 de xuño que moitas persoas curiosas e afeccionadas aproveitaron para observar desde perto da Torre de Hércules, mais tamén desde outras moitas localizacións do territorio, valéndose de diferentes instrumentos para a observación directa e indirecta deste episodio.

Próximas eclipses

A última eclipse solar visíbel como parcial tivo lugar o 21 de agosto de 2017, aínda que en malas condicións, ao coincidir coa posta de sol. A seguinte verase o 25 de outubro de 2022, no nordés da península e nas Illes Balears.

A próxima eclipse solar total terá lugar o 12 de agosto de 2026, seguido doutra o 2 de agosto do ano seguinte. Pouco despois, o 26 de xaneiro de 2028, poderase ver na península unha eclipse anular.