Galiza, de novo por riba dos 2,7 millóns de habitantes: o país gaña poboación no terceiro trimestre grazas aos estranxeiros

Xente paseando polas rúas do casco histórico de Santiago. (Foto: Arxina)
Máis da metade da poboación residente na Galiza, 51,9%, son mulleres.

A poboación galega a 1 de outubro de 2023 sitúase en 2.703.517 habitantes, o que supón 3.579 persoas máis que no anterior trimestre, segundo os datos provisionais que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta terza feira. O país volve superar os 2,7 millóns de habitantes, cifra da que baixara nos últimos trimestres. O aumento de residentes é maior na comparativa cun ano antes, 6.759 persoas máis que en outubro de 2022.

De feito, no terceiro trimestre hai un aumento de poboación en todos os territorios do Estado. O INE explica que se debeu "case na súa totalidade" ao incremento de persoas nadas no estranxeiro. A poboación estranxeira na Galiza pasa de 145.930 persoas no segundo trimestre a 149.594 no terceiro, 3.664 máis. E son case 17.000 máis na comparativa interanual.

Pola contra, Galiza perde residentes nados no propio país ou noutras comunidades do Estado español, que son 2.553.923 en outubro, uns 10.000 menos que un ano antes. Por sexos, do global de 2,7 millóns habitantes, a repartición é a seguinte: 1.300.293 homes (48,1%) e 1.403.224 mulleres (51,9%).

No entanto, o crecemento poboación relativo da Galiza no terceiro trimestre respecto ao segundo, de 0,13% é o cuarto máis baixo entre comunidades e supón a metade da media de avance de 0,25% a nivel estatal. Á cola sitúase Estremadura como a que menos medra (0,01%), mentres Balears (0,45%) encabeza o ascenso de habitantes.

Segundo esta estatística, a poboación residente no Estado español aumentou en 118.667 persoas no terceiro trimestre e situouse en 48.446.594 habitantes a 1 de outubro de 2023, "o valor máximo da serie histórica". En termos anuais, o crecemento poboacional estimado é de 525.075 persoas.