Galiza frea a incidencia da Covid e alivia a presión asistencial fóra das UCI

Punto para a realización de tests de antíxenos habilitado na Mariña o 31 de xullo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A ocupación Covid nas unidades de críticos dos hospitais galegos mantense con 63 pacientes ingresados. 

O número de contaxios por Covid-19 detectados na Galiza nas últimas horas volveu a descender, segundo os datos publicados este martes pola Consellaría de Sanidade, que cifra en 404 os novos casos diagnosticados, de maneira que o número de persoas coa infección activa baixa até as 13.076.

Segundo o balance de Sanidade, elaborado con datos até as 18 horas desta segunda feira, tamén se reduce a presión nos hospitais galegos, aínda que este alivio reflíctese só nas unidades convencionais, con 263 pacientes ingresados, 11 menos; mentres que se mantén sen cambios o número de doentes que se recuperan en UCI, 63.

Por áreas sanitarias, aumenta a presión hospitalaria en Santiago e Vigo; mantense na de Pontevedra, e descende nas da Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense.

Casos activos

A curva de casos activos de Covid segue á baixa e, por duodécimo día consecutivo, redúcese o número de persoas con infección polo coronavirus. Caen de 13.495 a 13.076.

Os casos baixan en todas as áreas sanitarias. A Coruña sitúase en 4.217 casos (114 menos); Vigo rexistra 3.192 casos (102 menos); Pontevedra ten 1.351 casos activos (66 menos); Lugo contabiliza 1.330 casos (31 menos); a área de Santiago ten 1.290 casos (32 menos); Ferrol rexistra 899 casos (39 menos); e Ourense baixa ata os 797 casos (35 menos).

Novos contaxios

Segundo os datos notificados por Sanidade, nas últimas horas detectáronse 404 novos contaxios por  Covid, cifra que ratifica a tendencia á baixa dos novos positivos diarios.

Do total, A Coruña suma 122; Vigo, 62; Lugo, 73; Santiago, 49; Pontevedra, 36; Ferrol, 36, e Ourense 26. 

No que vai de semana Galiza rexistra perto dun millar de casos novos, 622  menos que os anotados á mesma altura a semana pasada.

Así, a incidencia acumulada da Covid redúcese no conxunto do territorio, na contorna dos 175 e dos 430 casos a sete e 14 días, e tamén nas sete principais cidades do país. Lidera a caída, a Coruña, que malia todo mantén a marca máis alta na arredor dos 685 casos por 100.000 habitantes a 14 días. No outro extremo, Ourense, con perto de 225 casos.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza ascenden a 2.518, despois de notificar  Sanidade outras dúas vítimas mortais: unha muller de 87 anos de idade ingresada en Povisa, e outra muller, de 86 anos, ingresada no Chuvi.