O 50% da importación de eucalipto da principal pasteira lusa provén da Galiza

(Foto: Xunta da Galiza)
A Galiza produce a metade da madeira que importa para as súas factorías Navigator Company, antiga Portucel e a principal empresa produtora de pasta de papel de Portugal.  Case o 75% da produción que esta empresa produce na Galiza provén do eucalipto, especie da que ten explotacións en media ducia de concellos galegos.

As vendas de madeira de eucalipto galego a Portugal chegaron a atinxir hai case dez anos os 1,5 millóns de toneladas, o que supuña por volta de 40% do total das cortas da especie. Mais o fechamento de Ence Huelva, Andalucía, en 2014 levou a unha reconfiguración do mercado de eucalipto a nivel estatal, de modo que as pasteiras lusas  —Portucel (actual Navigator) e Cerbi— aumentaron as súas compras no sur da Península Ibérica e reduciron as adquisicións na Galiza. 

Así, as vendas de eucalipto galego a Portugal baixaron á metade e Ence ampliaba o seu poder e presenza en todo o territorio galego como a compradora con maiúsculas.

Mais en febreiro de 2018 entrou en vigor a norma portuguesa que impide a plantación de eucaliptos até 2030, o que obrigou as pasteiras lusas a buscar novos horizontes. 

Nesta estratexia, Navigator segue unha política de expansión que ten Mozambique como a súa xoia da coroa, cunha autorización que lles permite plantar até 246.000 hectáreas.  

Unha ducia de concellos

A Galiza tamén está enmarcada  na estratexia da principal pasteira portuguesa e desenvolve un papel de importancia: Máis de 1.000 hectáreas que producen case medio millón de metros cúbicos de madeira.

A súa actividade na Galiza supón a metade das importacións de madeira que fai a compañía con sede en Lisboa e con factorías en Cacia, Figueira da Foz, Setúbal e Vila Velha de Ródão. 

En apenas un ano, a firma portuguesa, que obtivo en 2020 uns ingresos de 1.400 millóns, duplicou a superficie arrendada na Galiza. 

Estas explotacións espállanse por unha ducia de concellos galegos con cadansúa unidade de xestión, “de acordo cos principios expresos na política forestal” da Xunta, destaca a compañía. A Galiza produce a metade da madeira que importa Navigator para abastecer as súas fábricas, as importacións (o 25% do volume de madeira que usa) complétanse con árbores procedentes do Brasil e do Uruguai.

Montes da Galiza

Navigator opera na Galiza coas filiais Navigator España, SA, Bosques do Atlántico, SL e Navigator Tissue Iberica SA e posúe tres parques loxísticos: na Coruña, en Ferrol e na Susana-Santiago; puntos de entrega desde os que se envía a madeira a Portugal.

A Galiza produce 50% da madeira en rolo e 40% da madeira serrada, mais só representa  13% do volume da facturación e acolle 10% do número de empresas forestais do Estado. Un desenvolvemento baixo no sector transformador ligado ao protagonismo que ten o eucalipto.

O 25% da superficie arborizada do monte da Galiza, por volta de 422.000 hectáreas, é de eucalipto e "a porcentaxe medrou e medrou á sombra da demanda de Ence, que é o principal comprador", como sinala a este diario Manuel Vázquez, enxeñeiro forestal.