Sanidade pública

Galiza forma menos médicas das que autoriza o Estado

Especialidades como Oncoloxía ou Medicina Nuclear ofertan menos formación da autorizada. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría de Sanidade pide ao Ministerio que lle permita ofertar máis prazas.

A Consellaría de Sanidade insistiu esta segunda feira en pedir ao Ministerio que permita á Galiza formar máis persoal médico, cando a realidade é que a Xunta da Galiza convoca menos prazas de formación que as que autoriza  o Executivo español. O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas dedicarán un pleno monográfico do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde á Atención Primaria, segundo concluíron ministra, conselleiros e conselleiras na xuntanza da Comisión Técnica Delegada da Comisión de Recursos Humanos.

Na xuntanza, alén de realizar un seguimento das 14 medidas que inclúe o Plan de acción de Atención Primaria, aprobado en 2021, debateuse sobre a planificación da oferta de prazas de Formación Sanitaria Especializada (FSE) nas diferentes comunidades autónomas. Nesta liña, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que participou da xuntanza decorrida esta segunda feira, pediu á ministra de Sanidade, Mónica García, que permita á Galiza formar máis médicos e médicas. Unha petición que realiza Comesaña a pesar de que na actualidade, e desde hai varios anos, o Sergas forma menos Médicas Internas Residentes (MIR) das que autoriza o Executivo español.

Galiza é a única comunidade autónoma que aplica a chamada "cota autonómica"

De feito, na última oferta de prazas, regulada pola Orde SND/990/2023, do 17 de agosto, pola que se aproba a oferta de prazas e a convocatoria de probas selectivas para o acceso a prazas de FSE, Galiza é a única comunidade autónoma que aplica a chamada "cota autonómica". Concretamente, en especialidades como Oncoloxía, Otorrinolaringoloxía, Anatomía Patolóxica, Aparello Dixestivo ou Medicina Nuclear. A cota autonómica fai referencia ao número máximo de prazas que serán adxudicadas de cada especialidade e en cada autonomía.

No caso galego, o número de prazas ofertadas é maior que  a cantidade de prazas orzamentadas pola Xunta da Galiza, unha medida criticada de maneira recorrente polos sindicatos cando se aplica "exclusivamente como aforro económico", e que contrasta coa situación de "colapso" á que está sometida a sanidade pública galega.

Segundo o conselleiro de Sanidade, a "rixidez" actual dos criterios de acreditación das unidades formativas provoca que "dos máis de 460 centros de saúde cos que conta a Galiza, só 100 teñan a posibilidade de formar novos especialistas".

Con todo, apuntan fontes consultadas por Nós Diario, para ofertar máis prazas de formación especializada son as Consellarías as que teñen que facer a solicitude ao Ministerio. "E o Ministerio acostuma autorizar todo o que solicitan as comunidades autónomas porque os salarios da formación MIR corren a cargo das autonomías", aclaran.

Sen retribución económica para as titorías

Ademais, para poder formar máis médicos "hai que ter máis titores e titoras MIR". Neste punto é onde se pode atopar resposta á reticencia da Xunta da Galiza a orzamentar máis prazas de formación especializada. "A Xunta non paga aos titores e ás titoras MIR, polo que moita xente non quere facer estas funcións, que ocupan moito tempo da xornada laboral e moita responsabilidade. E aínda por riba non pagan", sinalan estas mesmas fontes en declaracións a Nós Diario.